Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Eleccións USA e o mal menor

    Existe un sentir fundado, cando menos entre as forzas e persoas de esquerda, que pouco van mudar as políticas de Estados Unidos no exterior gañe Trump ou Biden as eleccións. Ambos colocan, como é lóxico, os intereses de Washington por diante, e cando gobernaron impuxeron sancións, interviron nos procesos electorais doutros países e tamén militarmente. Lembremos o caso de Libia, Siria, Ucraína, etc. con Obama, que ademais deportou a máis migrantes que calquera outro presidente.

    A maior diferencia estratéxica entre republicanos e demócratas está, nesta conxuntura, en que Trump aposta por illar a China e Rusia, debuxando un futuro a medio prazo dun mundo dividido en bloques, para reproducir a folla de ruta de Reagan contra a URSS. Mentres que os grupos de poder que están detrás de Biden seguen pensando que poden gañar a batalla económica acentuando a globalización neoliberal. Por suposto ambas as dúas andainas basean a súa estratexia no proceso de centralización e concentración da riqueza e do poder, que é consubstancial co capitalismo. Daquela que malia as múltiples promesas de Trump de regreso das empresas norteamericanas o que en realidade se está a producir, en prexuízo de China, é unha reubicación noutros países con man de obra máis barata e máis controlábeis, e un reforzamento da presenza militar no exterior.

    Por esta razón, malia as promesas republicanas de repatriación das empresas de transformación, para gañar o voto en estados dos grandes lagos na anterior elección, non se deu unha recuperación do emprego industrial. Daquela que a principal baza coa que conta o país é no ámbito do complexo industrial-militar, da tecnoloxía dixital, da produción enerxética e alimentar, e como consecuencia desta hexemonía, especialmente no ámbito militar e da comunicación de masas (coas fake news como algo normal), e que o dólar se siga a manter como moeda de reserva, co que isto implica nun mundo sometido á especulación financeira. Estas diferencias na folla de ruta non significa que, en caso de gañar, Biden poda dar marcha atrás no proceso de ruptura da globalización como hoxe a coñecemos. E por suposto para a Unión Europea non é o mesmo unha política que outra, xa que afectaría a súa balanza comercial, especialmente á de Alemaña, aínda que todo parece indicar que xa se está a preparar tamén para este escenario (daquela os fundos de recuperación da UE?).

    No eido interno as diferenzas son algo maiores entre ambos partidos, tanto en relación coa ecoloxía, como a cuestión de xénero, racial, migratoria, o programa medicare, como confrontar a pandemia, as armas en mans de civís, etc. Aínda que todo fai pensar que por parte dos demócratas non todos os compromisos se van cumprir, máxime cunha oposición republicana belixerante e mobilizada, e ademais non existe no programa ningún cambio esencial que modifique o sistema, e Biden fixo o imposíbel para se afastar na mensaxe da esquerda do partido. Daquela que moitos/as analistas consideren que, malia a importancia do que está en xogo, só poden escoller o mal menor e de que algúns cualifiquen este capitalismo de “vixiado” dado o papel determinante das grandes corporacións. Non é casual que segundo unha enquisa de Gallup un 57% dos estadounidenses estea a prol dun terceiro partido, e que só voten normalmente un 55% dos electores/as.

    https://obloguedemera.wordpress.com/

    02 nov 2020 / 13:19
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito