Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

En defensa da sanidade

    SE teño que confesar, confeso: eu non fun unha desas miles de persoas que, hai agora un ano, saían as oito da tarde a aplaudir aos sanitarios. Sempre ollei aquela “acción solidaria” máis coma un xeito de socializar que un verdadeiro apoia á sanidade pública e ao persoal que nela traballa.

    Un ano despois, poucos semellan lembrarse daquela chocallada, acrecentándose un grande malestar e frustración tanto por parte do persoal sanitario como por parte das usuarias.

    A supresión das consultas presenciais, das probas diagnósticas e intervencións polas barreiras de acceso ao centros sanitarios, está afectando gravemente á saúde da poboación, aumentando as patoloxías e os problemas non relacionadas co COVID.

    É necesario reabrir e reactivar os centros de saúde e que se reinicie a actividade nos servizos hospitalarios a través dun plano para facerlle fronte as listas de espera acumuladas. Pero, sobre todo, é imprescindíbel pórlle fin á precariedade laboral no Sergas e tratar ao persoal sanitario como se merece. De na serve poñelos nos cornos da lúa, se logo pasa o que pasa.

    O mesmo Feixóo recoñeceu esas deficiencias. Pero nin os 15 millóns anunciados son a solución, necesitaríanse 250, nin ese é o cerne do problema. Estamos nun momento crítico para a sanidade galega. Coa desculpa do COVID, preténdese mudar o modelo sanitario.

    A nova lei de saúde é unha argallada máis para botarlle o loro as traballadoras do Sergas, pero, sobre todo, as usuarias.

    Utilizando a alarma social, recorta os dereitos e liberdades que, noutras circunstancias, non serían aceptadas, o que supón un perigoso precedente.

    Ademais, impón, baixo a ameaza de fortes sancións, a obriga de realizar probas e medicarse, invadindo así o dereito a decidir das persoas sobre a súa saúde.

    Polo tanto, aquelas que queiran un sistema sanitario forte, público e universal, aquelas que rexeitan imposicións e ameazas, teñen a posibilidade de manifestalo nas concentracións que se van levar a cabo o día 21 en todas as localidades.

    17 abr 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito