Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

En Trasalba

    SUBÍN a Trasalba pensando no poder do pai (nai) Miño, que serpeaba alá na fondura. Despois, na baixada, todo foi sobrevoar o río, un descenso cara á súa gran autoridade, inmutable a través dos tempos. Calor de xuño, quizais de xullo, e a choiva que andaba no aire, levemente. Hai poucos praceres comparables a este, o pracer de subir unha mañá de domingo cara a Amoeiro. Cimadevila. Trasalba. Miguel Anxo Nuñez Seixas, na proclamación do novo galardoado en honra do señor de Trasalba, Carlos Mella, dixo que esas palabras aluden ao lugar máis alto. Onde se sustenta o pazo, tan delicado como pétreo. Un lugar ameno, un ‘locus amoenus’, tan poderoso como o río que serpea na fondura.

    Trasalba está unido a nomes únicos do noso pasado e o noso presente como país. Todo iso latexa alí, no souto, na solaina. O modo máis perfecto de ser galego, o máis crible. Verde por todas partes. Pedras antigas, apeiros dormentes. De Carlos Mella escribín algunhas veces no pasado, admirado dese gusto pola ironía e polo fino humor. Onte, ao tempo de recoller o Ramonciño de Manuel Buciños, a escultura que se entrega aos galardoados, Mella fixo gala outra vez do seu gusto polos discursos sen solemnidade, espidos de épicas baleiras, próximos ao carácter efémero das augas dun rio, como este o noso río, aquí abaixo, efémeras, fuxidías, mais eternas.

    Mella agradeceu o premio (“pero eu non son moito de medallas”), e subliñou a súa satisfacción por que o Padroado chegase a tempo co premiado. “Polos pelos, pero chegou a tempo”, dixo con retranca. Carlos Mella, 92 anos, despois dun longo e coñecido camiño intelectual e político, preferiu acoller a laudatio de Ramón Villares sen engadir nin unha coma nin un adxectivo, só unhas anécdotas, algunha referencia divertida, pero tamén seria, sobre o que é ser galego e o que significa Galicia. E sobre o que a miúdo nos limita, o que nos leva a non rematar a idea de país. Pero, como Mella dixo algunhas veces, máis importantes que os proxectos, son os soños. O Carlos Mella situado nas fronteiras por decisión propia, como dixo Villares, o Carlos Mella na quietude de O Foxo, tentando no posible non volver ser importante. Contou unha vez á Televisión de Galicia: “xa vin a moita xente que desgraciaba a súa vida por ser alguén”.

    Polo demais, unha mañá fermosa. Poetas, escritores, xornalistas, amigos, arrouparon a Mella, que se deixaba querer mentres o recoñecido grupo musical A Roda interpretaba oldies goldies tradicionais desde a solaina. Unha sensación de alegría familiar atravesaba aqueles muros extraordinarios. Deixeime levar polo recordo daquel Otero Pedrayo traducindo, non sen dificultade, algunhas páxinas de Ulises de Joyce. Pensei niso de inmediato, porque este é o ano do centenario da magna obra, da súa publicación en Paris, da man de Sylvia Beach. Otero Pedrayo conseguiu que o galego fose a primeira lingua peninsular á que se traducise unha parte de ‘Ulises’. En fin, xa coñecen a historia. Trasalba, por tantas cousas, é un lugar máxico.

    Eduardo López Pereira, á fronte da Fundación, díxome que vai construír un miradoiro sobre o Miño, porque merece a pena sobrevoar o río desde este cume, orográfico e literario. Falamos desa gran palabra: bocarribeira. Este é territorio de adegas e auga, o universo do señor de Trasalba, onte revisitado.

    27 jun 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito