Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
ENQUANTO HÁ FORÇA

Entre monarquía e pandemia

    Dilema para os adictos ás teorías da conspiración. Todos eses descontrois sucesivos da desescalada interrupta da covid-19 están a ser utilizados para ocultar as investigacións sobre tráficos de diñeiros que salpican ao rei emérito? Ou é ao revés e esta explosión mediática sobre o crepúsculo do monarca-que-salvou-a-democracia serve para disimular as angustias provocadas por un coronavirus cuxa evolución se coñece a medias pero cuxas consecuencias económicas e sociais seguro que van ser nefastas?

    Para uns, as noticias sobre presuntas actividades financeiras de Juan Carlos I é unha boa oportunidade para introducir o debate monarquía-república na axenda política inmediata, mesmo a costa de pór en perigo unha experiencia de goberno que apoiaron ou da que forman parte. Para outros, a confusión da pandemia, cos seus brotes e rebrotes, con mando único ou con competencias autonómicas, e coa espectacular caída da economía en plena temporada turística, é unha excelente ocasión para cargarse a un goberno de apoios inestábeis, sempre que se chegue a tempo, porque, se o goberno consegue sacar uns novos orzamentos e comeza a chegar diñeiro europeo, vai ser máis complicado xustificar unha operación de acoso e derruba.

    Seguindo coas teorías da conspiración, quizais é que non hai tanto dilema e as dúas posibilidades de manipular politicamente unha ou outra cuestión serven para complementarse e retroalimentar un clima de crispación que non é o máis propicio nin para tratar a crise monárquica (imposíbel de abordar sen un mínimo consenso para estudiar unha reforma constitucional) nin para facer fronte ao verdadeiro e gran problema: a grave crise sanitaria e a non menos grave crise socio-económica que está a provocar.

    Algúns optimistas pensaban que a pandemia ía provocar unha catarse que melloraría os comportamentos individuais e sociais, e que influiría na corrección do sistema produtivo, aproveitándose para avanzar, por exemplo, na dixitalización e nunha economía sostíbel, algo do que, por certo, se ven falando desde hai décadas. Aínda é pronto para comprobar resultados, pero os primeiros indicios non son moi esperanzadores. Non parece que se teñan producido conversións significativas, nin entre os comportamentos individuais insolidarios nin entre os que defenden modelos económicos coa menor regulación e os menores impostos posíbeis.

    05 ago 2020 / 00:54
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito