Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Escoitar e guiarse polos científicos

    Esta pandemia da Covid-19 que estamos a sufrir é unha enfermidade, un virus que nos afecta a todos os pobos do planeta.

    Quen me dera que as boas cousas tamén nos afectaran a todos os pobos do planeta, pero por desgraza non é así, pero isto si que é.

    As persoas que máis cualificadas están para entender o comportamento do virus son os científicos, e é a eses a quen teríamos que prestar atención e guiarnos polos seus veredictos e consellos.

    Non podemos pretender saber todos igual dun tema que non é outra cousa que de saúde pública. No conxunto do planeta hai moitísimos científicos que están a matinar como vencer a batalla a este virus. E moitos de nós en troques de prestarlles atención, de seguir as súas indicacións, de ser disciplinados coas normas establecidas; queremos facer a nosa propia análise e comportarnos socialmente como a cada quen lle pete en cada momento.

    A ninguén lle gusta quedar confinado na casa, nin todo o día (como pasou en marzo) nin de 23:00h a 6:00h (como pasa agora); a min tampouco.

    A ninguén lle gusta que o ocio teña fortes restricións. A ninguén lle gusta que a cultura vexa limitada na súa actividade ordinaria; pero os científicos nos din que é preciso reducir esas actividades, e teremos que crer no que nos din e ser disciplinados coas súas indicacións.

    Porque non estamos a falar dun ou outro científico en particular, non estamos a falar dos científicos galegos, españois, alemáns. . . estamos a falar dun consenso moi xeralizado entre toda a comunidade científica mundial.

    A batalla contra o virus gañarémola sen dúbida, pero mentres iso non pasa temos que poñer cousas da nosa parte. Isto ten moito de responsabilidade individual, é un virus novo ao que nos enfrontamos e estamos a matinar continuamente no seu comportamento, poden ter os científicos que ir axustando os seus diagnósticos, as súas indicacións; algo normal diante dunha cousa que non tiñamos prevista.

    Unha empresa de comunicación estatal está a facer unha campaña para que destinemos o dous por cento dos nosos cartos colectivos a apoiar a ciencia, penso eu, que é unha petición moi axeitada. Sen cartos é imposible investigar e facer todo o traballo científico que hai que facer, comezando pola atención primaria nos nosos centros de saúde.

    Estamos todos á espera dunha vacina como auga de maio para librarnos do virus, pero isto moito me temo que non chegará a curto prazo; e cando chegue haberá que probar a súa efectividade, que fabricar doses para toda a poboación mundial, haberá que distribuíla en todo o planeta, haberá que estudar o seu comportamento.

    Temos que ter paciencia, e non queda outra que fiarse dos científicos, que ser responsables, que ter disciplina social.

    Os dirixentes políticos mundiais son os que poden aplicar medidas de obrigado cumprimento para as sociedades que xestionan, pero iso tamén o teñen que facer seguindo as instrucións que nos marca a ciencia. Estamos xogándonos moito, non o tomemos de carallada. Moito obrigado.

    01 nov 2020 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito