Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Esperanza

    2020 vai ser lembrado por ser un dos anos máis ruins da historia. Aínda que poucos o lembrarán por ser aquel no que a Conferencia Episcopal pedira rezar por España cando se acadou un Goberno de coalición de esquerdas e non polo galego, continuista cos anteriores.

    Un ano chungo, no que 90 millóns de metros cadrados desapareceron calcinados en Galicia, perdendo tamén parte das nosas ilusións colectivas con José Luis Cuerda, Ruth Bader Ginsburg, Quino, Rosa Mª Sardá e Luis Eduardo Aute. Porque nunca máis serán “las cuatro y diez”.

    Mais tamén un ano no que brillaron con luz propia Concepción Arenal, Carbalho Calero, Isaac Díaz Pardo, Susana Vera (e o seu Pulitzer), Anne Carson (e o seu Princesa de Asturias) e Isabel Coixet (e o seu Premio Nacional de Cinema). Xunto coa miña admirada Maruja Torres, que regresou a El País para marchar case de seguido, deixándonos orfos e cun moi mal sabor de boca.

    Un ano raro, no que só fomos a dúas grandes manifestacións, en defensa da Sanidade e do Feminismo. Quen nos ía dicir que quenes nos manifestabamos pola dignidade da sanidade pública estabamos no certo cos nosos berros e que a iamos precisar máis que nunca! Quen nos ía dicir tamén que chegaría unha pandemia que faría que a investigación sanitaria e farmacéutica corresen tanto para acadar unha vacina en menos dun ano!

    Quen nos ía dicir que aquel 8M sería o preludio dun confinamento no que combatemos o virus con escola na casa (selectividade incluída), aniversarios na casa (maioría de idade incluída), maratóns de series e de aire fresco no balcón e case pelexas por sacar á cadela de paseo! E quen nos ía dicir que viviriamos en carne propia a verba desigualdade, na escola e nas tarefas familiares.

    Un ano durísimo, no que o país enteiro aprendeu o que significa un estado de alarma e no que, persoalmente, aprendín a traballar polos concellos de Galicia, que tanto ben prestan.

    En definitiva, un ano que desexabamos rematese xa para dar a benvida ao 2021.

    Non obstante, foi tamén un ano para a esperanza. Porque durante 2020 condenouse ao todopoderoso Harvey Weinstein. E dixemos “bye bye” ao tolo de Trump para recibir cos brazos abertos a Joe Biden e a Kamala Harris, que algo de sensatez agardamos lle poñan a este mundo.

    No que eu crin con máis forza na Unión Europea, que deu en acordar o comezo da descarbonización en Europa protexendo por fin ao medio ambiente e que, ante o desafío común que nos agarda, foi quen de dar unha resposta única, tal e como pedira o primeiro ministro portugués António Costa.

    No que moita xente apren-deu a crer na Xustiza cando se coñeceu a sentenza de recuperación para o público do Pazo de Meirás, poñendo no seu lugar á Democracia a desprazando ao fascismo.

    No que o Congreso dos Deputados aprobou unha medida tan controvertida como o ingreso mínimo vital, que de seguro nos fará máis iguais se hai unha boa xestión; uns novos orzamentos para o exercicio que comeza (a pesares dos agoreros que desexaban a prórroga ata o infinito dos de Rajoy); a igualación dos permisos para poder criar a fillas e fillos; unha nova lei para o ensino (que, despois do confinamento, pedimos como auga de maio) e, por primeira vez na historia do país, unha lei que nos dará liberdade para decidir como queremos morrer.

    As leis, que de todo nos salvan, e que nos darán esa esperanza para o ano que comeza. Alá imos!

    05 ene 2021 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.