Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Estado de inquedanza

    A sociedade galega está en estado de inquedanza. Non o decretou a Xunta, non. Nin foi inducido polos medios de comunicación. É unha percepción social maioritaria porque lle falla un dos piares nos que se asentaba a súa tranquilidade: estalles fallando o médico. Elas non din a sanidade, que é algo xenérico é impersoal.

    A maioría non sabe de estatísticas, nin de números, nin de porcentaxes. Nin falta que lles fai. Non teñen que ler os casos nos periódicos ou escoitalos nos telexornais, porque sofren no corpo e na alma que pedir cita para o médico é unha odisea: imposíbel conectar en días ou semanas, e, logo, poden tardar oito, quince días, un mes, para que os atenda..., por teléfono. Como che diagnóstica un médico se non te ve? Que confianza lles ofrece falar por teléfono a quen non se afixo aínda a usalo? Como contar confidencias por un aparato se non sabes ben quen te está escoitando?

    Está claro que unha cousa son as tecnoloxías e outra a humanidade. Hai moita xente maior que nin sequera escoita o que lle están falando e ten que valerse dun intermediario, rachando así un dos principios da medicina, o da confianza do paciente. Non estamos afeitos, así como así, para renunciar a cita presencial.

    A maioría da poboación non sabe que as listas de espera aumentaron nun 50 %, e iso que as citas de probas diagnósticas están pechadas. Que o tempo de espera para diagnosticar unha enfermidade crónica aumentou nun 30 %. Que hai patoloxías que non chegan a ser diagnosticadas. Doenzas que se agravan porque non son atendidas. Que o 70 % dos pacientes crónicos sufriron a cancelación das consultas programadas. Que o 80 % ten dificultades para conseguir a medicación...

    Iso son dados das asociacións de pacientes... Pero saben o que lles pasa a elas, e a outras, e pensan que poden morrer de abandono. Por iso a súa inquedanza que, pouco a pouco, vai chegando ao cabreo, só coutado polo medo ao bicho. Pero a culpa non é do virus, senón doutro andazo: o desmantelamento da sanidade pública.

    24 oct 2020 / 00:10
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.