Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Estados Unidos, as contradicións do sistema

    O asalto ao Congreso de Estados Unidos por unha parte dos milleiros manifestantes que convocou en Washington o actual presidente do país, Donald Trump, terminou deixando en cuestión diante de todo o mundo a esta potencia como o referente dunha democracia institucionalizada e cuestionando o sistema. Todo facía pensar que se trataría dunha mobilización que, como máximo, íase desprazar até as portas do Congreso para premer ao pleno de ambas cámaras para que revocasen parte dos resultados electorais, os que lle eran desfavorábeis a Trump, e non fose electo como presidente Biden. E, en caso de non conseguilo, seguirá mantendo a polarización social, que tantos votos lle deu a Trump, e asemade espera: condicionar as accións do futuro governo, garantir a súa prevalencia no Partido Republicano, e asegurar que sería el ou alguén que el designe a proposta de presidente por este partido para as vindeiras eleccións.

    Porén, tal como sucedeu o asalto, con persoas mortas, cunha protección do Capitolio ineficaz, e que se forzase a fuxida de representantes electos, tanto demócratas como republicanos, sen ser un golpe de estado sobrepasaron con moito unha protesta, e ademais deixaron en evidencia que un país que se gaba de ser a maior potencia do mundo non está exento de puntos débiles. Tamén reflectiu a fractura interna existente, así como que este tipo de escenificacións son funcionais a Trump máis tamén a grupos máis á estrema dereita. Aínda que o presidente dise días despois algún paso atrás, condenando o asalto, se cadra para evitar consecuencias penais, segue alentando a confrontación directa co novo Governo, e todo indica que manterá esta liña durante toda a lexislatura de Biden.

    Esta folla de ruta que quere impoñer Trump, e unha base electoral cada vez máis radical e sectaria, abre moitos interrogantes, por exemplo: que medidas tomará no que lle resta de mandato que podan afectar as propostas dos demócratas a corto e medio prazo? Até que punto a polarización da sociedade vai a atrancar ou adiar cambios de estratexia, especialmente nas políticas internas? Irá Trump perdendo seguidores/as con propostas tan agresivas nas formas? A súa actitude terminará dividindo ao partido republicano?... Se cadra esta fose a mellor saída, porque afectaría a todo o sistema político de Estados Unidos ao desaparecer o bipartidismo. Agora ben, en principio as enquisas amosan que mantén a maior parte da súa base social e o apoio do partido. Polo tanto semella que o trumpismo non desaparecerá tan doadamente, non só porque representa á estrema dereita, aos evanxelistas sionistas, senón porque ademais suma sectores moi amplos da sociedade marxinados polo sistema ou que viron decaer o seu nivel de vida nas últimas décadas, e que ven a globalización e a inmigración como parte importante das causas. Son problemáticas que só se poden clarificar con propostas de xustiza social e solidariedade interna e internacional, que non forman parte do ideario do Partido Demócrata. Mudará de postura diante da gravidade da ruptura social?

    Agora ben, para alén destas cuestións de fondo, o asalto ao Congreso gravou no imaxinario colectivo a debilidade do sistema democrático na maior potencia do mundo, rachouse así cun dos simbolismos do imperialismo estadounidense. Tampouco se pode obviar que este golpe, a un dos símbolos desta potencia, está precedido da crise económica de 2008, e sobre todo dos efectos desbastadores do covid19. Unha pandemia que vai acompañada do recuar do PIB, e o medre do desemprego, da pobreza e a desigualdade. Ademais, malia ser a maior potencia do mundo e levar a dianteira no eido científico técnico, isto non evitou que sexan o país máis afectado polo número de contaxios e persoas falecidas. Non son feitos circunstanciais, xa que se manteñen no tempo e se agravan, polo que deixan patente as profundas contradicións da potencia hexemónica no sistema capitalista e que sirve de modelo.

    Trátase eivas, contradicións, que non se poden considerar como reducidas a determinados ámbitos ou circunstanciais, máxime cando esta potencia fica ligada historicamente a todo tipo de inxerencias exteriores, bloqueos e ocupacións para facer valer seu intereses xeo-estratéxicos económicos e militares, coa escusa da democracia e os dereitos humanos. Nas últimas décadas estas intervencións ficaron na retina colectiva ligadas a guerras interminábeis e/ou a destrución do tecido económico e institucional (Afganistán, Iraq, Libia, Siria, Venezuela, etc.). Nestes últimos dous países con consecuencias sobre a situación sanitaria ao bloquear remedios e insumos de primeira necesidade malia que padecen unha pandemia. A única diferencia é que durante a etapa de Trump nen sequera utilizaron subterfuxios, xa que usou un relato menos cínico propio dun imperialismo que se pretende xustificar exclusivamente na súa finalidade mesiánica e represiva. É consubstancial co modelo económico e social imperante na fase dun capitalismo senil.

    Mais, non se pode ignorar que Estados Unidos ten aínda unha importante control da cultura e información de masas, e sobre as redes, que lle permitiu durante as últimas tres décadas reinterpretar e socializar a realidade en función dos intereses da burguesía, mais todo indica que esa hexemonía vaise debilitando aceleradamente. Ademais este control pasa a ser exercido directamente polas corporacións, que se colocan por riba de calquera institución política. Como acaba de reflectir o feito de que ao presidente da maior potencia do mundo se lle suprimisen contas na rede por decisión de empresas que monopolizan o medio dixital, e que obteñen lucros inmensos mesmo en momentos de crise sanitaria, económica e social. A vontade popular, mesmo que fose aparente, fica subordinada publicamente aos donos/as do diñeiro.

    Polo tanto, non se trata só de que haxa moita desigualdade e non deixe de medrar, senón que ademais estase freando o desenvolvemento da economía, estragando a natureza, eternizando as guerras, precarizando o traballo, e as institucións van perdendo apoio social,... A globalización neoliberal amosou que este evolución contraditoria, negativa, non se reverte cos inmensos e beneficiosos avances científico técnicos, porque están controlados polas potencias e as grandes fortunas e corporacións... Cómpren cambios profundos, estruturais, tamén nos comportamentos.

    https://obloguedemera.wordpress.com/

    14 ene 2021 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito