Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Estamos sen levantar cabeza dunha bendita vez

    FOI Susan Sontag quen dixo que “a república das letras” ten sido sempre e de feito unha aristocracia. E “poeta” ten sido sempre un titre de noblesse. Así foi como comecei un artigo escrito hai uns días e así é como me permito comezar este de hoxe.

    Susan, a da perrera branca implantada no comezo dunha cabeleira diríase que acibeche, naceu como Rosenblat, pero acabou adoptando o apelido do seu padrastro. Fixoo unha vez ca súa nai enviuvou e lle deu por se casar de novo. Sontang foi unha das intelectuais máis influintes nos Estados Unidos do seu tempo. Algúns consideran que porque era xudía e o lobby fai milagres, pero é de sospeitar que o foi máis ben en razón dos seus escritos. Constitúe, certamente, unha aristocracia a cidadanía da república das letras? Se un atende ó que di de si mesmo o noso padre Feijoo, certamente si. Que é o que di? Pois di que “así eu, cidadán libre da República Literaria, nin escravo de Aristóteles, nin aliado dos seus inimigos, atenderei sempre, con preferencia a toda autoridade privada, o que me diten a experiencia e maila razón”.

    Pra se conducir así como proclama o alaricano que naceu en Casdemiro, máis se é frade e vive no século XVIII, hai que pertencer a unha certa aristocracia intelectual. Ou tal se me antolla a min. Máis nestes tempos prosaicos que son os que estamos a atravesar. Moito máis aínda se temos en conta que, hoxe e como nunca, nesta nosa república literaria tamén hai moito participante adscrito a unha vulgaridade que pode ser calquera cousa menos aristocrática.

    Ata eiquí o comezo do artigo ó que me referín ó comezo deste; logo, continuei escribindo a propósito dun prólogo escrito por Luis Harss no que se conta que “hai anos había unha admirable tradición nalgunha parte de Sudamérica –o mesmo era en Guatemala– según a que os poetas viaxaban de balde en autobús. Non os novelistas que ou mercaban un billete ou se desprazaban a pe”. Titre de noblesse! Queda dito. Os demais a pé! Pois iso.

    Terei que volver ler Los nuestros, Teño, porque a conservo, a segunda edición lo libro, a de 1968. Harss estableceu o canón do boom. Algo terá que saber o noso autor de aristocracias. Quizás en consecuencia deso e tamén por bulas e/ou pauliñas especiais haxa mitos e mesmo tamén “mitiños”.

    O de mitiños acabo de lelo aplicado a Ramón Piñeiro, no valo que Suso de Toro mantén no Facebook, literalmente así: “non precisamos mitos falsos, mitiños (...) Isto ven a conto de Ramón Piñeiro”. Lino despois de ter lido en Biosbardia –o interesantísimo blog que César Lorenzo mantén na Internet, ben atendido e secundado, coa colaboración de xentes serias e dotadas– dun seu traballo sobre o libro de Mario Regueira titulado “Narrativa e imaxinario nacional na reconstrución do campo literario de posguerra (1936-1966).

    Agora acabo de vir de mercar o tal libro, razón pola que non me atrevo a suxerirlle a ninguén que o lea. Pero si que lin o traballo de César Lorenzo Gil e, neste caso, si que me atrevo a recomendar a súa lectura a quen sinta curiosidade pola figura de Piñeiro. Unha figura prá que Suso de Toro reclama “unha biografía seria, sen partidismos e obxectiva. Sabemos de críticas duras e acusacións sobre Piñeiro, mais frecuentemente non se sustentan en argumentos fundados”. Ten Suso coñecemento tal da biografía que reclama que lle permita considerar “mitiño” a Ramón Piñeiro pese a advertirnos de que non existe “unha biografía seria, sen partidismos e obxectiva” e malia que (saibamos) “de críticas duras e acusacións sobre Piñeiro, mais frecuentemente non se sustentan en argumentos fundados”?

    Afirma César Lorenzo na súa crítica que o libro de Regueira constitúe “unha análise do piñeirismo que podería servirnos a partir de agora de referencia fiabel”. Afirma máis cousas, pero que xa non collen neste faldón de hoxe. Quizás Suso de Toro debera lela e se sentir logo chamado a continuala lendo o traballo de Mario Regueira. Ó millor resulta que nin mito, nin “mitiño”, senón un home que se entregou de por vida á causa de Galicia.

    Que dados somos a disfrutar sempre dunha superioridade moral tan superior á da xente que non pensa exactamente coma nós que non somos nunca capaces de reprimir o comentario que ridiculice e diminúa a entidade moral do considerado adversario. A dereita crese moralmente superior á esquerda, esta crese superior dereita e, así sucesivamente, o país váisenos enchendo, foisenos enchendo, de mitiños sen que a penas nos decataramos delo. E así estamos, sen levantar cabeza dunha bendita vez.

    20 may 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito