Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Europa volve darnos unha oportunidade

    Segue a ser certo o dito de que a UE se reforza a través das crises. En menos de dous meses de fortes discusións, no medio dunha pandemia, entre partidarios da austeridade a todo custe e do irrealismo dos que pedían fondos a Europa a cambio de nada, a Comisión Europea acaba de propor un novo plan de 750.000 millóns de euros.

    Isto é a maiores dos créditos xa acordados polo Banco Central Europeo e os 540.000 millóns en créditos do polémico Mecanismo Europeo de Estabilidade, do Banco Europeo de Investimentos e do programa SURE de subvención para os ERTE. E sumados ós 1.100 millóns do orzamento europeo xa proposto para 2021-2027. Cifras mareantes.

    Rompéronse moitos tabús. España, Italia e Francia pedían a mutualización da débeda (os eurobonos) para financiar e, idealmente, subvencionar a fondo perdido gasto corrente, como o pago de pensións, nun embrión de Estado de Benestar Europeo.

    A nova proposta da presidenta Von der Leyen non chega tan lonxe, pero supón usar a UE coma instrumento para endebedarse nos mercados financeiros que logo permita facer inversións coas que saír reforzados da crise.

    Se ben os estados e os parlamentos aínda teñen que pórse de acordo sobre se queren devolver estes cartos á UE en varias décadas ou se prefiren que existan impostos europeos (gravames para emisións contaminantes ou as grandes multinacionais) nunca tan lonxe se tiña chegado nesta cuestión. Os gobernos teñen sido sempre reacios a ceder control das arcas comunitarias. Iso si, dun xeito ou doutro, vostede, cidadán, será o que pague.

    Dito todo isto, estamos a falar dunha enorme cantidade de diñeiro, posiblemente uns 100.000 millóns para España a gastar en dous anos. Isto equivale ao orzamentos de Galicia e Andalucía xuntos.

    Tendo en conta as dificultades que as administracións xa teñen para gastar os fondos europeos actualmente, córrese o risco de que volvamos a ter un novo Plan E, cos resultados por todos coñecidos.

    Co novo paquete, a UE, como sempre, métese en complicadas estruturas e programas con normas diversas. Risco de duplicidades na xestión dos mesmos e, por que non dicilo, posibles abusos.

    Agora nada menos que os ministerios e consellerías de Facenda, Agricultura e Economía, terán que coordinarse para poder desenvolver os diferentes plans de investimento para cada unha das patas deste plan, e poder xustificalas dacordo cos compromisos asumidos por España perante a Comisión Europea. Están listados no chamado Plan Nacional de Reformas que hai pouco remitiu Calviño á Comisión.

    Non se trata de que a UE e os estados austeros nos lean a cartilla. Moitas reformas estruturais son de imperiosa necesidade. Mellorar a interoperabilidade e a capacidade de reacción e anticipación dos nosos servizos públicos fíxose máis que evidente durante a presente crise. Tamén cambiar o modelo produtivo cara sectores de maior valor engadido e con maior sostenibilidade. Agora resulta que ata vai haber máis cartos para facelo. Podemos facer iso ou seguir construíndo autoestradas.

    27 may 2020 / 23:12
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.