Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
ENQUANTO HÁ FORÇA

Eutanasia con condicións

    Despois de firmar unha primeira solicitude e de manter co seu médico un proceso deliberativo de quince días sobre posibilidades terapéuticas, posíbeis coidados paliativos e resultados previsíbeis, o paciente, se quere seguir adiante, debe firmar unha segunda solicitude, que abre un novo período deliberativo co médico, que, tras pedir a opinión a outro médico especialista nas patoloxías do paciente, avala (ou non) a petición. Se a avala, e o paciente a reitera, unha Comisión de Garantía e Avaliación nomea a dous expertos (un deles xurista) para que revisen o caso. Se non hai acordo entre os dous expertos, decide o pleno da Comisión.

    En cada un destes pasos, o paciente ten que firmar a súa conformidade e en calquera momento pode decidir retirar a súa solicitude. Toda a tramitación dura máis de trinta días. O prazo máximo é de corenta días. Se hai denegación en calquera dos pasos, o paciente pode reclamar ante a comisión e, se persiste a denegación, pode recorrer ante a xurisdición contencioso-administrativa. O paciente en todo caso solicita, non decide.

    Estas son as condicións para acceder á eutanasia, segundo a lei aprobada o xoves 17 de decembro no Congreso dos Deputados e que agora terá que pasar o trámite no Senado. Para solicitar que se lle aplique a lei, o paciente debe ter un “padecemento grave, crónico e imposibilitante ou enfermidade grave e incurábel, causantes dun sufrimento intolerábel”.

    Non parecen estas as condicións para soster unha industria da morte, que é como cualificou a lei a deputada de Vox que defendeu o voto negativo do seu grupo no pleno que a aprobou (por certo, co apoio de todos os grupos, excepto Vox, Partido Popular e Unión del Pueblo Navarro). Parece máis ben unha carreira de obstáculos destinada a calmar as protestas dos que defenden a prolongación dos sufrimentos inútiles, por máis que agora argumenten, como fixo nese pleno o portavoz do grupo popular, que os coidados paliativos eliminan a necesidade da eutanasia.

    Tarde chega esa argumentación por parte dun partido que avalou a actuación do conselleiro de Sanidade da Comunidade de Madrid no 2005, Manuel Lamela, contra o médico Luis Montes, coordinador de Urxencias do Hospital Severo Ochoa de Leganés, destituído do seu posto e denunciado ante os tribunais pola aplicación de sedacións a enfermos terminais. A acusación foi desestimada e sobresido o caso dous anos despois. Para entón, a carreira profesional de Montes quedaba truncada e o prestixio dos coidados paliativos dun hospital público quedaba tocado, que quizais era o obxectivo principal da operación.

    Seguramente dentro de vinte e cinco anos, cando outro goberno progresista decida axilizar o procedemento da eutanasia, para que os enfermos incurábeis non teñan que prologar dores intolerábeis corenta días ou varios anos (se teñen que depender da lentitude dos recursos xudiciais) e que sexan eles os que teñan a última palabra, o PP (e quen sabe se tamén os de Vox) dirán que a nova lei romperá o consenso da anterior. Como dixeron cando se reformou no 2010 a lei do aborto do 1985, unha lei que os populares levaran ao Tribunal Constitucional, como levaron tamén a ese tribunal a lei dos matrimonios homosexuais mentres varios dos seus representantes aproveitaban para formalizar as súas relacións.

    Inevitábel o recordo do galego Ramón Sampedro, unha sorte de protomártir da causa da morte digna, parapléxico desde o 1968, que pelexou nos tribunais desde 1993 para que lle permitisen un suicidio asistido e tivo que organizalo clandestinamente para morrer no 1998. Recordo para os que agora din que esta lei chega con presas e sen debate social.

    Xosé A. Gaciño

    21 dic 2020 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito