Santiago
+15° C
Actualizado
miércoles, 25 mayo 2022
14:23
h

Ex post Nadal

    UN ano máis, remataron as festas do Nadal. Un ano máis, toca gardar as figuras do nacemento e os espumillóns que nos asolagan, a min incluída. Un ano máis, debo recoñecer a miña incoherencia, pois nin comparto nin practico a celebración relixiosa. Un ano máis, esa reflexión interna ex post: Podemos ser tan felices a pesares do Nadal? É posible ser malos e ruíns nestas datas?

    Estando neses pensamentos, lin o que valentemente compartía unha amiga instagrameira que, ademais, controla de xoguetes e de moitísimas máis cousas. Dicía esta amiga, máis ou menos, o seguinte: “Non celebro o Nadal. Non me identifico en absoluto con estas datas, especialmente co día de Reis. Xerar ilusión por recibir moitos agasallos non me parece nin máxico, nin saudable, nin sustentable, nin honesto. Aspiro a que a felicidade da miña filla veña de acumular momentos e experiencias, non cousas. Non a quero aprender a ter senón a ser. O xogo e os xoguetes son fundamentais para que entenda o mundo e a súa contorna, para se desenvolver e se formar como persoa. Non son un premio nin unha ilusión, son ferramentas precisas no seu día a día”.

    Maxistral, fixo que volvese dar unha volta ex post ás miñas incoherencias persoais. Confeso que participo das celebracións do Nadal, fago agasallos e poño árbore e nacemento, cheo de dinosaurios e legos, pero póñoo. En definitiva, participo do circo malia non crer nel.

    Estando nestas voltas, pregunteime cal fora o día destas festas máis feliz para min. E resultou ser un día entre semana e non de festa, un día de pequena viaxe cos meus fillos, no que non merquei agasallos senón tixolas e unha escaleira e no que desfrutei con eles da exposición do gran Peter Lindbergh e dun xantar moi especial a ritmo de rock and roll. En pleno tempo de Nadal, eu fora moi feliz un día facendo cousas que nada teñen que ver co Nadal e o seu simbolismo!

    Xa que logo, a segunda pregunta acudíu lixeira á miña mente: Podemos ser miserables en datas tan buenistas? E así sen máis, o ilustre alcalde madrileño entrou no meu caletre coma un furacán. De todos é sabido que este señor decidíu ceder ao nomeamento de Almudena Grandes como filla predilecta de Madrid en troques de ter apoios para sacar adiante os orzamentos municipais. Martínez-Almeida, do que descoñezo se concorda con espírito navideño, segue a teimar en que non descalificou en ningún momento á escritora.

    Para min, pode que teña razón e non a descalificase por acción, mais si por omisión: por omisión estaba a dicir que ten a certeza absoluta de que non era a mellor do mundo mundial para merecer semellante distinción. Mais o curioso é si lle valeu que Grandes fose a conditio sine qua non para aprobar os seus orzamentos, poñendo, como teño lido nos medios, “a necesidade xeral da cidade por riba das súas ideas individuais”. Sen vergoña algunha e en plenas festas do Nadal.

    Ruindade significa, segundo o dicionario, non ter nobreza de espírito. Metaforicamente, ser pequeno, cativo de alma. Non serei eu (diminuta en min mesma) quen califique a estatura física de ninguén. Mais si a estatura ética, que neste caso brilla pola súa ausencia. Porque Grandes non era a mellor escritora do mundo (imposible selo porque no mundo escriben maxistralmente moitas persoas), mais de certo foi unha das mellores en castelán e, seguro, a máis arriba na listaxe de celebridades madrileñas actuais. E será lembrada sempre pola súa obra. Algo que, nin nos seus mellores soños chegará a ser este señor, nin por ser o mellor alcalde nin polo seu magnífico labor.

    Ex post Nadal, concordo así coa miña amiga instagrameira: non nos identifiquemos demasiado con estas datas porque, á fin e ao cabo, é posible ser miserables e felices tamén o resto do ano. Ás probas remítome.

    10 ene 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito