Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Exiliados

    A aceptación feita por Pablo Iglesias no programa Salvados da condición de exiliado de Carles Puigdemont e a comparación con aqueles que en 1939 tiveron que marchar de España foi, como mínimo, improcedente e en calquera caso, desafortunada. Un dos problemas que atura a esquerda populista e aqueloutra esquerda que sigue ancorada no dogma comunista é que aínda non remataron de pasar páxina.

    Unha cousa é dar o recoñecemento que merecen –polo simple feito de ser persoas- aqueles que pagaron coa vida por uns ideais e que aínda seguen agochados en cunetas e fosas comúns, e outra querer situar o contador a cero, esquecendo que as circunstancias históricas –gusten ou non- foron as que foron. E a verdade é que a esquerda, en 1977, non puido facer máis do que fixo, confortada unha parte importante da poboación con ese anaco de estado do benestar que o franquismo concedeu, especialmente a aqueles millóns de españois que pasaron da miseria á plena ocupación, ter un piso e a asearse nun baño con auga corrente.

    Puigdemont non é un exiliado pero o Estado español non é a madre Teresa de Calcuta dos dereitos xurídicos. Sen ir máis lonxe, estes días coñecemos que o Tribunal Europeo dos Dereitos Humanos condenou a España por non investigar dabondo unhas acusacións de torturas feitas a un membro de Ekin. Ou días atrás, un xulgado de Granollers arquivou a causa aberta contra Adrià Carrasco, deixando en papel mollado a acusación de terrorismo feita pola garda civil. Así, pois, desde as dereitas e desde a esquerda constitucionalista, poucas leccións.

    Queda establecido –polo menos para quen isto escrebe- que o ex president Puigdemont non ten a condición de exiliado malia o proceso que tería no caso de pisar terra española (velaí as diferencias das penas ditadas contra os condenados polo Tribunal Supremo verbo da xurisdición europea) porque, ao cabo, a súa actuación en 2017 foi contraria á lei e aos máis elementais criterios da lóxica política.

    Pero volvendo ás palabras de Pablo Iglesias, o máis sorprendente foron as declaracións de diversos representantes das dereitas, afastando a Puigdemont dos exiliados de 1939, cando nunca antes fixeron a máis mínima bandeira de tal éxodo (velaí o acordo do Concello de Madrid para retirar do nomenclátor de rúas os nomes de Indalecio Prieto e Francisco Largo Caballero). Xa non digamos os vestidos rachados de Vox, vindicador sen vergonza dos “exiliadores” de 1939.

    Pero a historia española está chea de exiliados dunha cor e doutra, con razón ou sen ela (quen se lembra do mausoleo dos príncipes carlistas da catedral de Trieste?), nun cainismo que semella consubstancial á súa condición nacional. E queiramos ou non, a fuxida do réxime franquista despois de rematar a guerra era lexítima pero non por iso –como defenderon desde o ámbito do PSOE- todos aqueles exiliados eran persoas limpas de conciencia. Houbo quen fuxiu con mortes arbitrarias nas costas, as máis delas pola represión contra persoas conservadoras ou disidentes dentro dos partidos obreiros.

    Pasaron anos suficientes para entender que o exilio republicano de 1939, dito así en xenérico, foi unha desgraza humana, social, cultural e política, pero tal circunstancia non pode outorgar patentes individuais de gloria. Pero por esa mesma razón –a fuxida dos que marcharon limpos e por unhas ideas-, comparala coa situación de Puigdemont verbo dun Estado democrático imperfecto, é frivolizar e banalizar aquel exilio masivo.

    Por iso, que calen os que actúan agora coma carroñeiros da memoria do antifranquismo e que negaron o pan e máis o sal á restitución da memoria dos represaliados (os “cero euros” de Mariano Rajoy) pero que tamén o fagan os que agora queren dar leccións aos que roemos anos atrás as aldraxes da ditadura, non sempre cos resultados que esperabamos.

    Unha cousa que teñen que aprender estas esquerdas populistas é que facer propostas de xustiza social, lexítimas e necesarias, non pode dar cobertura ao primeiro disparate que se lles pase pola cabeza. E o de darlle a condición de exiliado a Puigdemont, en pé de igualdade cos que tiveron que marchar en 1939, foi un disparate.

    Joaquim Ventura

    21 ene 2021 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito