Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
ENQUANTO HÁ FORÇA

Fe de erratas para centralistas descoidados

    Certamente, as eleccións xerais son as máis importantes que se celebran en España. Basta con comprobar os índices de participación. Na inmensa maioría dos casos, e en contra do que se podería pensar, os cidadáns acoden menos ás urnas canto máis próximas a eles son as institucións para as que se vota. Case corenta anos de funcionamento das comunidades autónomas non teñen borrada a impresión (e quizais a realidade) de que o verdadeiro poder segue a estar na administración central.

    Non pode estrañar, por tanto, que os medios de comunicación centrais non se preocupen demasiado de coñecer as claves propias das comunidades autónomas, por moi particulares que sexan as súas características, e fagan as lecturas das eleccións autonómicas en función do xogo político na corte do reino de España. Nin tampouco que incorran en erros de datos e datas, con tal de axustar as súas análises a ese xogo cortesán. Así, aos que están pendentes de que o actual goberno central naufrague -e non o conseguiron nin nos peores momentos da loita contra a pandemia-, parece que non lles basta con que as coalicións nas que participara Unidas Podemos en Galicia hai catro anos, con relativo éxito, se fosen desfacendo e veñan de quedar fora do Parlamento de Galicia, ou que Podemos perdese case a metade de escanos que acadaran nas anteriores eleccións autonómicas en Euskadi, comunidade na que mesmo chegaran a ser a forza máis votada nas eleccións xerais do 2015.

    Non lles basta e, como non saben ver o reparto de escanos máis que desde a súa perspectiva centralista, hai analistas, animadores de tertulias e ate algún presentador televisivo que interpretan como un retroceso que os socialistas sexan terceira forza en Galicia e en Euskadi. Pero os socialistas xa eran terceiros en Galicia: a segunda forza era a coalición UP-Anova-Mareas (que se foi dividindo ao longo da lexislatura). En Euskadi, non só non retrocederon, senón que subiron un posto: na lexislatura anterior, foran a cuarta forza (detrás de PNV, Bildu e Podemos, que esta vez seguiu a súa traxectoria xeral descendente).

    Tampouco é que os socialistas poidan presumir de resultados. Xa lles valeu con gañar un escano en cada caso, pese a perder votos nos dous comicios. Pero perder votos perderon case todos, tanto os populares galegos de maioría absoluta como os hexemónicos peneuvistas que gañaron tres escanos máis. Cousas dos niveis de abstención, superiores aos dos anteriores comicios en ambos casos. Só o BNG en Galicia e Bildu e Vox en Euskadi aumentaron o seu número de votos, en relación coas anteriores eleccións autonómicas. O máis destacado, sen dúbida, o Bloque Nacionalista Galego, que multiplicou por 2,5 os seus votos do 2016, case recuperando a marca do histórico Xosé Manuel Beiras no 1997, entón con case noventa mil votos máis, aínda que cun escano menos, pero no 97 houbera catro puntos máis de participación.

    Penso que os resultados en Galicia e en Euskadi responderon basicamente ás dinámicas políticas propias de Galicia e de Euskadi, mesmo na recuperación, por parte do BNG e de Bildu, dos espazos nos que irrompera Podemos hai catro anos cunha forza que non foi capaz de manter, entre outras cousas, pola debilidade das súas organizacións territoriais. Quizais son as novas formacións emerxentes de dereitas ou de esquerdas (que algunhas xa non son tan novas e cada vez parecen emerxer menos) as que poderían aproveitar para reflexionar sobre os resultados de certas precipitacións no camiño de obxectivos demasiado ambiciosos sen os recursos humanos e organizativos necesarios. As redes sociais non bastan.

    15 jul 2020 / 23:59
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito