Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Felicidade ao peso

    FELICIDADE é o título dunha canción, a ritmo de bossa nova, interpretada por primeira vez por Agostinho dos Santos en Orfeu negro, un filme do 59 dirixido por Marcel Camus: “Tristeza não tem fim. Felicidade sim. A felicidade é como a gota de orvalho numa pétala de flor. Brilha tranqüila, depois de leve oscila e cai como uma lágrima de amor.(...) Tristeza não tem fim. Felicidade sim”. Dá que pensar, non si?

    O certo é que hogano nos venden de todo para, disque, sermos felices. E nós mercamos felicidade ao peso para logo preguntar “u-la felicidade?”. Marco Aurelio deixou escrito que a calidade das nosas vidas depende da calidade dos nosos pensamentos, o que xa nos dá unha idea de por onde vai o tema, e son moitos os filósofos, escritores, psicólogos, cantautores, homes e mulleres, que nos ofreceron –e ofrecen– consellos para acadar algo que, por sorte, non se pode mercar.

    Epicuro cría que se lograba superando os malos tragos que torturan corpo e alma. Dióxenes defendía a necesidade de eliminar as cousas superfluas ata o punto de decidir vivir nun bocoi. Spinoza, filósofo alemán herdeiro de xudeus españois, teimaba en que a felicidade se traballaba día a día e tamén avisaba de que luxos, riquezas e poder non conducen á paz espiritual nin á tranquilidade.

    Entre estes grandes pensadores incluímos tamén os nosos anónimos ancestros que nos transmitiron unha gran sabedoría popular que agocha, como un tesouro, toda unha filosofía de vida que nos ensina que a vivir e a ser feliz tamén se aprende polo que cómpre desaprender moito do aprendido. Velaquí, tres leccións.

    Primeira, as frustracións, a dolor e a morte forman parte da vida polo que cómpre valorar e amar o que se ten en cada momento e aprender a superar os desgustos: “As alegrías non son para todos os días; saiba todo home, que morre o rico e o pobre; cando o mal é de morrer, o mellor remedio é a morte; ata morrer, aprender...”.

    Segunda, a felicidade non vén de fóra, depende de nós mesmos, do noso interior: “A tranquilidade trae a felicidade; bos corazóns matan as penas; vale máis un bo nome que moitas riquezas; ter non muda ser...”. E terceira, nesta aprendizaxe é crucial a solidariedade, o agradecemento e o perdón pois sen dúbida ningunha, contribúen á súa consecución: “Fai ben e vive alegre; é de ben nacidos ser agradecidos; fágase o ben, fágao Xan ou Miguel...”.

    Aprendamos pois neste 2021 a ser felices e que “non diga ninguén –eu tampouco– non puiden aprender; tanto fai o home como quere aprender”.

    08 ene 2021 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito