Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Femininas

    VOU VERANEAR AO mar de Moaña, e ao mellor cadro no paseo marítimo co invicto presidente: el tamén escolleu aquelas praias para o lecer e pracer. E igual bebemos uns albariños e falamos de mulleres, porque xa dixo Balzac que elas son as musas de todas as vitorias en política. Dos cinco F de Feijóo que explican o seu éxito electoral  –F de Face (imaxe), F de Facer (xestión), F de Factoría (partido), F de Fortuna (deusa) e F de Fémina–, estes dous últimos F son os menos estudados polos analistas. Maquiavelo dicía que na vida dun político era fundamental o mimo de Fortuna, e don Alberto non pode dar queixa desta caprichosa deusa porque sempre tivo para el un cariño. E no tocante ás féminas de corpo mortal tampouco lle faltaron colaboracións fundamentais.

    Todos coñecemos ese tópico insoportable que di que detrás dun gran home sempre hai unha gran muller (asombrada). Pero en política ocorre tamén con frecuencia que detrás dun gran home público hai unha gran muller mediocre, unha fémina pequeneira. Quen foi esa muller no caso de Feijoo? Pois foi a célebre Villalobos. Máis de trinta anos estivo esta señora a chamuscar escano e a xogar ao candy crush na mesa do Congreso, e tamén requentou un tempo o sillón do ministro de Sanidade que estaba destinado a Feijóo no Goberno de Aznar, porque xa daquela don Alberto tiña todo o sistema sanitario na cabeza (como se dicía que don Manuel Fraga tiña todo o Estado na cachola).

    Pero chegou Arriola, que era o asesor secular (durou séculos) dos presidentes do Partido Popular e formaba un dúo moi dinámico con Villalobos, e mandou parar. E de seguido cantoulle a Aznar: “De Feijóo, nada. Para ministra de Sanidad mi mujé, que sabe poner tiritas”. Foi aquel un momento estelar da humanidade (diría Stefan Zweig) porque España perdeu un futuro presidente e gañouno Galicia.

    Por iso, en efecto, na peripecia dun político pode ocorrer coma na narrativa de Valle-Inclán: que se che atravese providencialmente un personaxe feo, catódico e salarial. Por certo que a serie salarial deste dinámico dúo foi a máis retributiva de toda a democracia: “¡Vamos, Manolo, joder, que llegamos tarde y pierdo las dietas!”, clamaba ela naquel vídeo de cine negro.

    Voulle poñer a isto o título irónico de ‘Femininas’, roubado dun dos libros máis bonitos da literatura, que eu lin nas mañás moañesas de adolescencia e estío á sombra dunha amorosa maceira (masanseira). Os adxectivos de Valle perfumaban a brisa. Eran uns tempos tan belos e vellos que algúns virus aínda non tiñan nome.

    25 jul 2020 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.