Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

¿Feminizar os símbolos?

    Xa confesei diversas veces que non son moi dado á liturxia de himnos e bandeiras, o cal non é contrario a coñecelos e incluso querelos. Pero as liturxias serven, precisamente, para darlles o valor que merecen. E iso vale para todas as liturxias. Así, penso que o valor intrínseco que tiñan as misas en latín -xa non digo as cantadas- se perdeu cando os acordos do II Concilio Vaticano quedaron a medias: os que vindicaban o emprego das linguas populares remataron deixando de ir e os máis dos que seguen indo a misa incluso aceptan o emprego de guitarras.

    Se nos referimos aos símbolos nacionais ou rexionais, case sempre hai unha diferencia -profunda ás veces- entre os seus contidos e a opinión social maioritaria. Esas chamadas “ás armas, cidadáns” de La Marselleise, o “estamos preparados para a morte” de Fratelli d’Italia ou esoutra semellante de “segade a ras” d’Els segadores conteñen unha ofensiva verbal contra uns eventuais inimigos que, afortunadamente, xa non existen. Incluso o himno alemán, Das lied der Deutschen, adoptado como tal pola República de Weimar en 1922, ficou reducido á súa primeira estrofa (“Deutchsland, Deutchsland über alles”) durante o réxime nazi; coa RFA trocou pola terceira en actos oficiais e despois da unificación de 1991, pasou a himno a todos os efectos.

    Pero polo visto, os novos tempos da inclusión de sexos chegan tamén á simboloxía e aos xentilicios. Lembremos o comezo do discurso de Josep Tarradellas desde o palacio da Generalitat o día do seu regreso do exilio: non se dirixiu aos “cataláns” senón aos “cidadáns de Catalunya”. Esta denominación incluía non só aos nacidos no país senón tamén aqueles que o fixeran noutras terras pero que eran cataláns a todos os efectos. Anos despois chegou Juan José Ibarretexe e a súa apelación a “os vascos e as vascas”.

    Agora, o desdobramento inclusivo -que rebenta as regras das linguas románicas- chegou ás administracións públicas francesas. Así, o concello da capital, para evitar o modelo Ibarretxe, comezou a empregar o signo do punto mediano ou voado (·), de xeito que os habitantes da cidade son “parisien·ne·s”. Contra tal uso, o ministro de Educación Nacional, Jean-Michel Blanquer, ven de afirmar a súa vontade de preservar a unicidade gramatical da lingua francesa, a única oficial. No seu favor pronunciouse Laetitia Branciard, presidenta da Federación Francesa de Dys, as persoas con trastornos lingüísticos. Un debate no que participan educadores/as e escritores/as, algún dos cales -como Alain Borer- considera que a teima igualitarista non deixa de ser unha mostra de autocolonización americana.

    A manifestación máis recente desta febre tivo lugar no acto de toma de posesión de Pere Aragonés coma novo presidente da Generalitat catalá. A cerimonia foi dobremente austera, tanto polos efectos da Covid19 coma polos novos aires que chegan. E entre estes, polo visto, estivo o canto do himno catalán de maneira “inclusiva” por Magalí Sare, cantante de xestos pijo-chupiguais. Rachando coa métrica da letra, cantou ás “segadoras” e “ás defensoras da terra”.

    Non esquezamos que o himno catalán homenaxea aos segadores que protagonizaron aquel Corpus de Sangue de 1640 e daquela xeira todos eran homes. E chamando ás segadoras, tal suposta inclusión apela, de feito, ás máquinas que agora colleitan o trigo e mais o centeo.

    Ben axiña apareceron para corrixir tal alegría voces asisadas e pouco sospeitosas. A de Quim Monzó, por exemplo, que lembraba a versións gamberra que do himno estadounidense fixo Jimmy Hendrix con guitarra eléctrica en Woodstock 1969, convertida paradoxalmente nun clásico. Para Monzó, a versión de Magalí Sare foi “despampanante” e surrealista, moito máis cás letras máis oníricas dos mallorquinos Antònia Font. Ou a reflexión de Susana Quadrado, que vindicaba a integridade da gramática fronte ao ridículo do desdobramento supino e desoutra arrogancia que pensan que así se loita contra o machismo.

    Porque, queiramos ou non, as cousas son como son. Que alguén as quere cambiar, que defenda no ámbito correspondente unha nova lei de símbolos e que se vote. Pero por libre non se poden alterar nin letra, nin rimas, nin ritmo. Ao cabo, un himno soe ser marcial ou impetuoso e con letras non sempre correctas politicamente, non unha canción new age.

    Joaquim Ventura

    28 may 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito