Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Formará a pandemia parte da confrontación?

    Semella que desta volta tanto o Governo central como a inmensa maioría das autonomías van apostar pola precaución, e non rebaixar as medidas sanitarias para dar folgos á actividade económica, especialmente ás máis castigadas: hostaleira, turismo, cultura e expectaculos. Só Madrid e Canarias manteñen a intención de rebaixar as limitacións á mobilidade. Que exista unha actitude temerosa nesta materia ten a súa lóxica, e amosa responsabilidade. Lembremos que o reclamo de eliminar limitacións no vran, o pasado ano, e as festas de nadal despois, deron pulo ao medre das persoas contaxiadas e das mortes. Porén, ademais acrecentaron a desconfianza nos cargos políticos e aumentaron o pesimismo social, e volvéronse contra as actividades económicas relacionadas coa socialización e o lecer, como as xa comentadas.

    O certo é que rebaixar as medidas preventivas, e que estas non se teñan que recuperar no futuro inmediato, depende da disciplina social e sobre todo da vacinación. E este último aspecto é o máis importante, porque non depende da resposta subxectiva, na que sempre hai minorías que, por distintas razóns, mesmo as máis circunstanciais, rachan coas normas de prevención. Agora ben, malia que se comezou a vacinar na práctica a primeiros de ano o ritmo na Unión Europea é moito máis lento que en moitos outros países, mesmo algúns cun potencial produtivo e de renda moi inferior. A esta altura nen en Alemaña, que sempre hai que tomar de referencia polo papel que xoga na UE teñen claro o ritmo ao que se van subministrar as vacinas, xa que mentres hai ministros que falan de finais de xuño, Merkel dá como data finais do vran, tres meses despois.

    Mais, mesmo considerando que o 70% da povoación podería estar vacinada a finais do vran, ao ritmo co que se está facendo hoxe, nen multiplicándoo por tres, poderíase atinxir este obxectivo, lembremos ademais que na maioría das vacinas devénse poñer dúas doses. A esta altura, mesmo que houbese algunha vacina dunha dose, e que só fosen necesarias 3.500.000, a esta altura só se entregaron polo Governo central 309 mil. Ou sexa, habería que recibir unha media de máis de medio millón de doses ao mes. É un obxectivo que se pode cumprir, porén a dependencia que hai respecto dunhas poucas empresas farmacéuticas privadas, nas que o interese económico é moi forte e a competencia e presión por recibir as vacinas vai ser cada vez maior, non é precisamente o mellor escenario para dar por seguras as datas coas que traballa a Unión Europea.

    O que está a suceder coa vacina debería poñer a debate se sectores tan vitais para a humanidade como o farmacéutico poden estar en mans do capital privado, dependendo do lucro, ou deberían ter un carácter público,... ou cando menos que este ocupase un espazo importante nesta actividade. Outro dos aspectos que non se poden obviar é o marco internacional, especialmente nunha pandemia mundial. Todo reflicte unha relación entre a distribución das vacinas e a confrontación entre as vellas potencias occidentais hexemónicas e as novas potencias emerxentes. Que na UE non se teñan en consideración as varias vacinas rusas e chinas, que xa se están a distribuír en varios países do mundo, mesmo nalgúns da UE como Hungría, amosa até que punto todo esta condicionado aos intereses xeo-estratéxicos en Bruxelas, máxime cando algunha destas potencias ofreceu a súa vacina, como no caso da Sputnik, producida polos laboratorios con capital do estado.

    Vacinar á povoación é sen dúbida urxente e necesario, máxime cando se teñen en consideración os custes sociais e económicos da pandemia, e sobre todo de hipoteca para o futuro. Semella que todo o mundo está interesado, agora ben, moitas veces dá a impresión que non se están valorando todos os escenarios. Acaso será porque a pandemia xa forma parte da confrontación entre potencias e dos reaxustes no territorial e social? Esperemos que non sexa así, aínda que as veces está é a imaxe e o relato subliminal que se nos vende.

    https://obloguedemera.wordpress.com/

    07 mar 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito