Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Francia despois do segundo asalto

    Xa consolidados os resultados da segunda volta das eleccións presidenciais francesas e descontados os efectos da mesma, ábrese unha perspectiva de cinco anos para tentar intuír que podería suceder cando Emmanuel Macron remate o seu mandato.

    O candidato que recunca no Elíseo salvou o seu segundo asalto fronte a Marine Le Pen, de xeito semellante a como o fixo Jacques Chirac en 2002 fronte ao seu pai, o fundador do Front National. Pero si naquel caso o candidato do RPR obtivo un 82% dos votos, as porcentaxes de Macron -situado menos á dereita ca Chirac- foron o 66% en 2017 e 58,6, nun claro descenso do apoio popular recibido.

    Engadamos a iso que os partidos que dominaron o panorama político da Quinta República desde a súa fundación en 1958 están abertamente en liquidación, sen apenas máis marxe ca obter algúns escanos nas lexislativas a celebrar nunhas semanas. Pero tal situación de debilidade política ten un elemento engadido: a pouca estruturación territorial do movemento que apoia a Macron, En Marche.

    O presidente renovado actuou hai cinco anos como a derradeira esperanza branca dos sectores privilexiados que aínda gozan dunha estabilidade económica grazas á súa situación: empresarios, altos funcionarios, xubilados con boa pensión. Pero excepción feita dos que o domingo 24 votaron cunha pinza no nariz, o certo é que hai moitos sectores sociais que están descontentos co estado das cousas, cuxa manifestación máis visible foi a revolta dos chalecos amarelos.

    Pero esta insatisfacción social non é privativa de Francia. Lembremos o baleiro institucional que deixou o goberno de coalición que se formou en Italia entre a Lega de Salvini e o Movemento 5 Estrelas de Beppe Grillo. Populismos de dereita e de esquerdas que en 2018 marxinaron por un tempo -xa descartada Forza Italia- ao Partito Democratico, formado en 2007 polos herdeiros da Democracia Cristiá -que estoupara tras a crise do pentapartito despois do escándalo da Tangentopoli en 1991- e do vello PCI, xa reformado en 1990.

    Pero a política italiana -sempre establemente inestable- foi capaz de superar as derivas autoritaria de Salvini e frívola dos grillini e despois dun intento tecnocrático, hai un ano Mario Draghi asumiu a presidencia do consello de ministros no Palacio Chigi. Malia as dificultades para renovar a presidencia da República, que levaron a que Sergio Mattarella repetise, o goberno do antigo presidente do BCE goza dunha considerable estabilidade.

    Pero volvendo a Francia, e cunha certa semellanza co caso italiano, o descontento popular maniféstase en dúas caras, á maneira do deus Xano, extremas: o partido de Marine Le Pen e na esquerda populista que Jean-Luc Mélenchon lidera. No medio, un baleiro que dalgún xeito pode provocar un corto circuíto na política francesa en tanto en canto uns e outros poñen en cuestión o marco institucional europeísta no que Francia se inscribe desde a súa formación.

    Unha oposición -desde perspectivas distintas- á globalización e moi especialmente ás súas consecuencias e aos que tiran proveito, eses ricos que sen apenas traballar, cada día son máis ricos a costa desoutra maioría de desfavorecidos (antigos obreiros, labregos, barrios marxinados, funcionarios básicos) que teñen que disputar os cartos públicos -queiramos ou non- coas novas migracións. Coa diferencia que se para Le Pen estas teñen que seren freadas, para Mélenchon non hai máis saída que a integración nunha sociedade multicultural.

    O resultado é que hai moitos sectores sociais e xeográficos de Francia que xa apenas exercen influencia algunha. París deixou de ser un referente para -xa saturada demograficamente e economicamente- pasar a representar o símbolo dun sistema a abater. A vindicación da dimensión nacional é unha resposta ás imposicións da burocracia de Bruxelas, que foi o detonante do Brexit hai uns anos. A diferencia verbo doutros estados que non experimentan un nivel de descontento tan alto -caso de Alemaña, Países Baixos ou Escandinavia- é que estes resultan gañadores das políticas da UE. Outros -como España e Portugal- aínda tiran proveito das subvencións europeas e iso adormece calquera reacción adversa.

    Joaquim Ventura

    29 abr 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito