Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Franquismo e carlismo

    ESTOUTRO día, nunha entrevista para unha enquisa literaria, facíaselle ao presidente Pedro Sánchez a típica pregunta: cal é o seu autor favorito, que libro anda a ler. Unha pregunta retórica, porque “traballar na política” é incompatible coa lectura (de xéneros literarios), pero aínda así os políticos sempre contestan que andan a ler algo, e sobre todo a reler algo. “Ando releyendo a Proust”, dicían antes os ministros. “Ando releyendo a Valle-Inclán”, respondeu nesta ocasión Sánchez.

    De seguido o entrevistador interesouse por saber que lle preguntaría a Valle se quedasen para tomar unhas cañas, e o presidente guindou esta resposta que pasma: “Le preguntaría por el carlismo”. Despístanos moito don Pedro en materia de memoria histórica descendendo até o carlismo do século XIX, porque as nosas plúrimas reformas educativas non fan moito caso do que na historia poida haber máis abaixo do franquismo.

    Menos mal que aquí en Galicia estamos a máis altura no tema da memoria histórica, mesmamente estamos no alto das Torres de Meirás, onde a máis empoleirada é Ana Pontón a do Bloque, que –falando de lecturas– parece que sempre anda a reler a Emilia Pardo Bazán, cuxo ectoplasma non deixa de pasear por aquelas almenas. De xeito que Pontón se cadra tamén acabará descubrindo o carlismo seguindo a dona Emilia, que seguramente puido ver os carlistas guerrillear polos montes desde as súas Torres.

    Ela sempre foi unha escritora de mirar desde a torre. E na súa prosa a mesma palabra torre luce un rico metaforismo e inspira algunhas das súas sentencias máis orixinais: “La vanidad es una torre sin cimientos”, escribe na súa novela El saludo de las brujas. Hai moitas definicións da vaidade na literatura, pero esta é a que máis me gusta, pola súa fina arquitectura e seu poder de visualización.

    Pois non sabemos se Pontón, desde as torres da súa vaidade, ollará o carlismo. De momento só ten ollos vixilantes para o franquismo, porque disque o presidente Feijóo quere branquealo.

    No plan de usos do (recuperado?) Pazo de Meirás seica don Alberto contempla branquear de alburas e albores o franquismo. Pontón xa se ve sucesora de Feijóo, e por iso traballa moito en “el dibujo de su figurín y la confección de su tipo” (diría dona Emilia) como contraposición cromática: negro sobre branco.

    Onde Feijóo quere branquear, Pontón quere negrear. Ou sexa que durante esta
    lexislatura o que imos ver é moita política en branco e
    negro. E iso vai ser moi aburrido. Xa me resulta máis
    interesante a proposta de
    Pedro Sánchez: branquear o carlismo.

    28 nov 2020 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito