Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Fútbol no Manzanares

    O recente fiasco que supuxo a non celebración do partido entre o RC Deportivo da Coruña e o CF Fuenlabrada, na derradeira xornada da Segunda División dá que pensar sobre certas maneiras de facer as cousas.

    Unha delas, é que non resulta casual a presenza de catro equipos con transcendencia no triángulo invertido que forman as localidades de Alcorcón, Leganés e Getafe –lado que sería a base- e Fuenlabrada no vértice. Madrid, a diferencia doutras cidades que lle seguen en poboación (Barcelona, Valencia, Sevilla, Zaragoza, Málaga), non tivo apenas obstáculos físicos para a súa expansión: o río Manzanares non é nada se o comparamos co Guadalquivir, o Ebro ou a ribeira marítima.

    Pero se consideramos a expansión que tivo nos catro puntos cardinais, poderíamos dividir a influencia metropolitana entre unha zona norte (concellos e corporacións financeiras ricas) e unha zona sur –que recolleu as migracións meridionais- de industrias e sectores populares. Unha zona –a do triángulo- situada onde o río Manzanares desemboca no Jarama.

    Situada ao suroeste de Madrid, viven nela case un millón de persoas en cidades que acadaron entidade dabondo como para non quedar como barrios dormitorio da capital. Cidades que agora teñen arredor de 190.000 habitantes cada unha, despois de consolidar as migracións chegadas nos anos sesenta (cando ningunha delas excedía dos 5.000 habitantes) e crear unhas novas elites locais. Esta podería ser unha das diferencias que habería verbo de Barcelona, con cidades veciñas que xa tiñan uns sectores económicos potentes de hai máis dun século (Terrassa, Sabadell, Badalona, Mataró, Granollers) que apenas deixaron espazo para os chegados.

    Se repasamos as traxectorias dos clubs de fútbol destas localidades madrileñas, atopamos uns patróns semellantes. Fundados, refundados ou con vida activa hai cincuenta anos, a incorporación de seareiros locais facilitou que acadasen chegar ás categorías profesionais.

    Por veteranía, falemos primeiro do C. D. Leganés, fundado en 1928. Chegou á Segunda División o ano 1993 e despois de estar nela once tempadas, conseguiu o ascenso a Primeira en 2016, na que estivo catro exercicios ata descender hai unhas semanas. En 2008 foi mercado polo empresario inmobiliario Felipe Moreno e a súa muller Victoria Pavón, que ostenta a presidencia do club. Esta entidade conta co apoio do concello, que lle cede o estadio de Butarque en máis que boas condicións (hai un ano a prensa falaba de posible concesión).

    O Getafe F.C. é o outro club desta zona que militou na Primeira división. Fundado en 1983 a partir doutra entidade, o Club Getafe Deportivo, que militou en Segunda entre 1976 e 1982 e que tras descender a Terceira, foi disolvido por débedas. Na tempada 1995-1996, cando tivo que transformarse en SAD, o concello pasou a ser o principal accionista. En 2002, un grupo de empresarios encabezado por Ángel Torres, comprou o club, para vendelo en 2011 a un grupo de inversores que dicían actuar en nome duns inversores de Dubai. A cousa acabou mal tras deter a policía a algún dos promotores, acusado de estafa. Ángel Torres, nacido nunha familia humilde orixinaria dun pobo de Toledo, é un empresario feito a si mesmo, desde a construción a diversos negocios. Despois do incidente que houbo na venta, recuperou o control do club ata hoxe, cun balance máis que satisfactorio, malia descender unha temporada a Segunda (a 2015-2016): dúas participacións europeas e dúas finais de Copa.

    Indo aos clubs que militan en Segunda, a A. D. Alcorcón foi fundada en 1971. Estivo presidida por Esteban Márquez Ponce, un construtor orixinario de Tomelloso (Ciudad Real) desde 1997 ata 2010, cando acadou o ascenso a Segunda e pasou a propiedade de José Expósito, empresario do transporte, que a vendou ao ano seguinte en circunstancias pouco claras segundo diversos medios. Desde 2014 o propietario é un discreto millonario belga, Roland Duchâtelet, que en 2016 delegou a presidencia no avogado Ignacio Legido.

    E o máis novo deste grupo é o C. F. Fuenlabrada, fundado en 1972. Militou en Segunda B entre 1994 e 2001, 2003 e 2008, e 2012 e 2019. Na súa primeira tempada na categoría de prata presentou a súa candidatura aos play-offs, á espera que se resolva o asunto do partido pendente contra o Deportivo. O seu presidente, Jonathan Praena, representa coma ninguén –malia a súa mocidade- o espírito artificioso de acadar notoriedade co fútbol. Vinculado a un grupo inmobiliario, foi denunciado por estafa hai un ano e a súa empresa entrou en concurso. Por iso non resulta estraño que o equipo viaxase á Coruña malia os riscos de Covid-19: todo vale.

    08 ago 2020 / 11:07
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito