Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Fuxindo da saudade

    O pasado venres presentamos en Alfoz (Lugo) Fuxindo da Saudade, o último libro de Pedro Rubal Pardeiro (Alfoz, 1931). É un groso volume de 800 páxinas, que recolle as súas colaboracións durante unha década en Galicia Dixital, unha fiestra aberta ao mundo que dirixe o xornalista Xulio Xiz, factótum deste e doutros acontecementos culturais e editoriais.

    Alfoz posúe unha natureza prodixiosa e unha historia que nos retrotrae ata o século XV, cando o mariscal Pardo de Cela e outros nobres galegos se enfrontaron ao poder dos Reis Católicos para defender a soberanía do Reino de Galicia. Os nobres galegos nada puideron contra eles, e Pardo de Cela perdeu a cabeza, pero o heroísmo do último mariscal galego flota aínda na súa Torre e nas terras dos arredores.

    Neste marco cheo de engado da Mariña lucense interior, presentamos Fuxindo da Saudade, sen saber moi ben de que saudades fuxía don Pedro Rubal, procurador dos tribunais durante 18 anos, antes de dedicarse ao ensino da Filosofía en varios Institutos da zona. Se cadra, Pedro Rubal tenta fuxir desa “soidade ontolóxica” da que fala Ramón Piñeiro ao definir a saudade.

    Eu imaxínoo na soidade do seu gabinete, asolagado polo silencio da aldea, lendo todo canto libro cae nas súas mans sobre filosofía, tecnociencia, socioloxía, antropoloxía, ecoloxía, política e un longo etcétera, pois sobre estes e outros temas versan os capítulos desta obra. E tamén o imaxino escribindo, no lusco fusco, a súa colaboración para Galicia Dixital, debullando unha idea coa precisión estilística e conceptual de quen coñece o valor das palabras.

    Ogallá poida vir á Compostela a presentar o seu libro para que os mozos universitarios coñezan a vocación e entrega dun vello profesor e filósofo que non perdeu nin a ilusión nin o oficio.

    27 sep 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito