Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Galicia mellorou nestes 40 anos

    A situación aínda non está para efemérides ou celebracións festivas. Todo o mundo ten clara a prioridade, pero iso non quita para tratar de saírse por un momento do monotema que desde hai un ano longo ocupa as nosas preocupacións e tamén reflexionar sobre outros asuntos salientables e que presentan unha maior perspectiva temporal. Esta semana cúmprense 40 anos da publicación no BOE do Estatuto de Autonomía. O 6 de abril de 1981 Galicia comezaba unha nova etapa como nacionalidade histórica para acceder ao autogoberno, tal como sinala o seu artigo 1.

    Catro décadas despois a situación política institucional está consolidada sen que se albisquen cambios no horizonte. Nin sequera de carácter menor. O fracaso dos intentos rupturistas co Estado, primeiro no País Vasco da man de Ibarretxe e nos últimos anos –xa van para dez– en Cataluña co denominado procès, desactivan calquera tentación semellante en Galicia. As propostas do BNG neste sentido son de índole máis teórica que de aplicación práctica, máis para o debate político e reclamo electoral que de posible execución material.

    Cando unicamente se fala de reformar o Estatuto nas datas de aniversario significa que no resto do ano ninguén se acorda do asunto. Soamente houbo un intento con potenciais posibilidades de acometer unha reforma de certo calado durante os anos da Xunta bipartita (2005-09). Non saíu adiante polas formulacións excesivamente ideoloxizadas con que se abordou. A día de hoxe as demandas de Galicia, moitas delas por unanimidade parlamentaria, céntranse fundamentalmente nas competencias, pero sen cambiar as normas básicas. Impera o pragmatismo.

    A autonomía galega naceu con escasísismo respaldo popular, aínda que tampouco foi grande o rexeitamento. Primaba a indiferenza. Co paso do tempo iría consolidándose, ata o punto de que a participación electoral dos primeiros anos, comezando polo Referendo de 1980, pasou de estar á cola dos territorios de España a situarse entre os primeiros. Neste momento a Administración galega é a institución á que máis se esixe, fiel reflexo da incidencia dos seus actos na vida das persoas. E non deixa de ser tamén unha mostra de poder.

    Durante as catro décadas de autogoberno Galicia tivo cinco presidentes. Nunca antes na historia ocorrera algo igual ou parecido. A falta de que o mandatario actual remate o seu labor, eu daría un aprobado aos catro que lle precederon. Albor realizou a difícil tarefa de poñer os cimentos, Laxe trouxo aire novo, Fraga puxo a Galicia no mapa mundi, Touriño pilotou un cambio tranquilo nun goberno de coalición e a Feijóo haberá que xulgalo cando toque, aínda que os galegos xa o fixeron en tres ocasiones nas urnas, ademáis da primeira cando viña da oposición.

    Corenta anos despois pódese concluír que Galicia mellorou posicións con respecto á media española e europea, converxe no plano económico e noutros aspectos sociais e educativos a evolución sitúase á cabeza de España, así como na sanidade, centrada hoxe en xestionar a loita contra a pandemia, cuns resultados moi superiores ao conxunto do Estado e entre os primeiros por comunidades. Débese, en boa medida, ao Estatuto.

    08 abr 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito