Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Galicia, sede da intelixencia artificial

    A proposta de lei europea sobre Intelixencia Artificial, AI Act, regula as posibilidades de utilización das aplicacións da IA en base a tres categorías de risco que afecten ou poidan afectar aos dereitos fundamentais das persoas. Todos aqueles supostos que sexan considerados de risco inadmisible e afecten á seguridade quedarán prohibidos. Para os de risco alto precisarase unha avaliación de conformidade, mentres para o risco medio e baixo exíxese transparencia e un código de conducta. O seguimento destes riscos correrá por conta da European Artificial Inteligence Board, axudada polas axencias estatais de intelixencia artificial dos países membros, onde España actua coma pioneira e banco de probas ante a aplicación lei europea de intelixencia artificial.

    Os Orzamentos do Estado en execución contemplan unha reserva de crédito para o impulso e creación da Agencia Española de Supervisión de Inteligencia Artificial (AESIA), co fin de que aborde o desenvolvemento normativo e de control dos riscos de todo tipo que se deriven do uso dos sistemas de IA sobre a seguridade, a saúde e os dereitos fundamentais das persoas. En base a isto e ao mecanismo descentralizador do sector público institucional que puxo en marcha o Goberno de España, a AESIA acabará instalándose nun territorio aínda por definir que debe ser “idóneo” segundo os criterios de cohesión social, funcional e territorial, que conte coas infraestruturas e a capacidade de produción de talento necesarios, e que presente problemas relacionados co envellecemento e a despoboación que o dinamismo do Ente pode axudar a paliar.

    Albergar este organismo é de especial importancia estratéxica para Galicia pero tamén para a Axencia, pois a Comunidade ofrece vantaxes competitivas e comparativas para posicionarse como primeira sede a nivel nacional. Amais de cumprir a condición de ser un territorio líder en envellecemento e despoboamento, a súa capacidade para producir talento no eido da Intelixencia Artificial está lonxe de dúbida. A madurez tecnolóxica que se ten acadado baixo o liderado do Sistema Universitario de Galicia (SUG), o da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), o nodo galicIA, o GobTech, os hubs de innovación dixital e as empresas punteiras en IA, aportan a solidez que precisa o sector para facer desta Axencia unha referencia europea.

    O Parlamento de Galicia mandatou ao Executivo autonómico a que estableza os mecanismos e traballe co obxectivo de que a AESIA veña para aquí. Nos próximos días o Goberno debe tomar a decisión sobre cal é o lugar que ofrece para albergar a Axencia que debe cumprir coa neutralidade requirida, que permita ser respectuoso coas actividades relevantes e sensibles que vai a desenvolver a nova Institución e que non comprometa a súa independencia nin imaxe pública.

    Non parece haber mellor lugar que o edificio Fontán da Cidade da Cultura. Un espazo singular e simbólico, representativo de Galicia, onde teñen un lugar as tres universidades públicas e que conta ademais coas mellores infraestruturas, no seo dunha cidade única, Compostela, patrimonio da humanidade, cunha excepcional calidade de vida e a temperatura acaída para este tipo de instalacións. A Corporación local en pleno manifestou, a través dunha declaración institucional asinada polas persoas representantes dos catro grupos municipais, o seu firme apoio e compromiso para que a cidade de Santiago de Compostela albergue a sede da AESIA.

    Á singularidade e idoneidade da cidade de Compostela hai que engadir o magnífico ecosistema científico-tecnolóxico co que conta a USC para a IA, liderado polo CiTIUS que permite, por exemplo, que volva a acoller a European Conference on Artificial Inteligence (ECAI) no ano 2024, un dos tres eventos mais importantes do mundo en IA que celebrará en Compostela medio século de vida. Hai mellor escaparate que este para proxectar a AESIA? Non parece.

    13 ago 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.