Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Gañou Galicia

    A consecución da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial consolida A Coruña como o polo tecnolóxico de Galicia e sitúanos como referencia a nivel nacional e internacional ao ser a primeira cidade de Europa que contará con este organismo. A alcaldesa da Coruña, Inés Rey liderou dende o primeiro momento a candidatura da cidade consciente das potencialidades que tiña para poder albergar este organismo baseadas fundamentalmente no ecosistema universitario e no puxante tecido económico e TIC da cidade.

    A Coruña sabía que era a mellor opción e a máis competitiva e por iso traballou para presentar unha candidatura potente na que se destacasen todas as nosas fortalezas pero ademais fíxose unha labor fundamental, de forma seria e discreta, para contar coa implicación de todo o tecido económico, social e institucional de Galicia.

    Sabiamos que era a mellor opción e a máis competitiva, tal e como lle trasladou a alcaldesa ao presidente Sánchez e agora temos a constatación. O goberno valorou a candidatura como a mellor entre dezaseis cidades de España e así o ratificou escollendo A Coruña como sede da AESIA de forma transparente e obxectiva publicando os criterios e a valoración no BOE.

    Ademais da achega do ecosistema universitario, o goberno valorou especialmente a potente relación entre investigación e empresa, baseada na presenza de empresas tractoras que incorporan a Intelixencia Artificial aos seus procesos produtivos. Tamén tiveron en conta que a localización da Axencia en Galicia pode xerar un maior impulso á Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, favorecendo unha maior cooperación transfronteiriza, permitindo a creación dun hub de talento ibérico para atraer e reter talento investigador.

    Esta aposta do goberno pola cidade supón un reforzo ao desenvolvemento económico futuro da Coruña pero tamén de toda Galicia e é un aval ao modelo de cidade que está a desenvolver o Concello da Coruña apostando por unha cidade líder, referente e competitiva. Mais a decisión do goberno non sería posible sen o apoio de todos os axentes institucionais e económicos de Galicia, xa que dende o día que se presentou a candidatura ésta deixou de ser da Coruña para pasar a ser a de toda Galicia. Así que hoxe, coa consecución da axencia, gañou A Coruña e con ela toda Galicia.

    08 dic 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.