Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
ENQUANTO HÁ FORÇA

Gasto, autonomía, contradicións e réditos electorais

    Non estamos seguros de que a pandemia vaia cambiar substancialmente o modo de vida nin moito menos o sistema socioeconómico, pero resulta curioso observar algúns cambios de actitudes, supoño que conxunturais, nalgúns círculos de poder. De repente, personaxes e colectivos que sempre clamaran contra o gasto público agora reclaman axudas, subvencións e exencións fiscais para as súas actividades e por tempo case indefinido, practicamente sen condicións nin regulacións restritivas. Actitude, por certo, que parece estrañamente compatíbel con que partidos que soen representar a eses sectores estean a defender que os fondos europeos se concedan con estritos mecanismos de control e baixo condicións de reformas estruturais (léase recortes nos capítulos sociais dos orzamentos), ao vello estilo da crise do 2008.

    Os centralistas e os tradicionalmente receosos da configuración territorial autonómica emprenderon fronte ao mando único unha defensa das competencias das comunidades autónomas case coa mesma contundencia que a dos nacionalistas máis radicais (incluídos os independentistas). Nalgúns casos, como en Galicia, mesmo asumían que a artificialidade da estrutura administrativa provincial non encaixa na configuración natural do territorio galego (quedaría para outra análise precisar os conceptos de artificial e natural) e criticaban, nas fases correspondentes da desescalada, o absurdo de impedir a mobilidade en zoas xeográficas uniformes e estreitamente interconectadas polo feito de que os seus núcleos de poboación estivesen divididos entre dúas ou máis provincias.

    Queda a dúbida de se a conversión ao autonomismo é real ou simple reacción contra un goberno central do que desconfían e de cuxa lexitimade dubidan. De feito, cando na fase tres e unha vez levantado o estado de alarma os gobernos autonómicos asumiron toda a responsabilidade na toma de decisións, algúns deses executivos pedían que o goberno central seguise a restrinxir movementos de viaxeiros procedentes de determinados territorios especialmente castigados pola covid-19 (por exemplo, Madrid, petición feita mesmo por gobernantes do mesmo partido que asegura que a xestión da comunidade madrileña foi a máis eficiente).

    Esa sorte de medo ante a responsabilidade directa advírtese tamén coa reapertura de fronteiras e aeroportos. Despois de ter reclamado con insistencia que se volvese a recibir turistas para tratar de recuperar un sector básico da economía española, empezan agora as dúbidas sobre o control dos viaxeiros que chegan ao aeroporto de Barajas, por exemplo, como se fose o único aeroporto español que recibe voos internacionais, da mesma maneira que culpaban de expandir o coronavirus á manifestación feminista do 8 de marzo en Madrid, como se fose a única cidade española na que houbo manifestación. Pasa cando se trata de compaxinar, alternativa ou simultaneamente, o papel de motor e de vítima.

    Cousas do xogo político, sobre todo se o obxectivo principal son os réditos electorais, e non a posibilidade de entenderse na busca das mellores solucións para o interese xeral, que é un tópico solemne na retórica política e que, na práctica, ven sendo unha sorte de síntese necesariamente provisional e sempre revisábel entre os moi diversos e ás veces enfrontados intereses que hai que poñer de acordo. Para esta última tarefa fai falta moita máis intelixencia política da que parece apreciarse entre algúns que se dedican a isto.

    25 jun 2020 / 00:15
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito