Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Goberno supervivente

    Chegar vivo ao remate do ano máis angustioso do século é un alivio para cada un dos superviventes desta pandemia interminábel. Para todo un goberno de coalición como o español, que practicamente naceu coa covid-19, a supervivencia é todo un triunfo nunha auténtica carreira de obstáculos externos e internos que puxo a proba a súa capacidade de resistencia e as súas posibilidades negociadoras. Nun ambiente particularmente hostil, tanto por parte da oposición parlamentaria como da maioría dos medios de comunicación, esta primeira experiencia de coalición -inédita ate agora no goberno estatal, na actual etapa democrática- consegue permanecer a flote no medio das augas turbulentas nas que ven navegando desde a súa investidura.

    No medio desas turbulencias, o goberno ten avanzado entre erros e contradicións, sobre todo na loita contra un virus descoñecido, nunha improvisación inevitábel e con apoios arrancados con toda clase de dificultades, mentres o núcleo principal da oposición criticaba calquera medida do goberno, e tamén calquera rectificación, e consideraba sospeitoso de lesos crimes de Estado, por exemplo, calquera acordo con algunhas forzas independentistas, sen facer ascos a coincidir nas súas negativas contundentes con outras forzas independentistas máis recalcitrantes.

    A táctica da oposición frontal parecía ter como obxectivo principal o acoso e derruba do goberno. Nese sentido, a aparición da pandemia ofrecía grandes posibilidades de que o goberno naufragase. Daba igual que se decidise polo mando único ou que dese paso ás competencias autonómicas en materia sanitaria. Nun caso era tachado de ditatorial, no outro de desentenderse e desaparecer. Se pechaba os aeroportos, se lle acusaba de pór en perigo a industria turística, e se os abría, de deixar pasar os coronavirus. E sempre, a cantilena do goberno social-comunista apoiado por filoetarras e separatistas. Pero, de momento, a pandemia non consegue facelo naufragar e o comezo das vacinacións dálle un respiro complementario. Tampouco naufraga ante o delicado tema do rei emérito, a pesar de que os socios da coalición manteñen posturas totalmente diferentes e os socialistas non teñen ningún reparo en votar coa dereita para impedir calquera comisión parlamentaria de investigación sobre este asunto que solicitan, entre outros, os seus socios de goberno.

    Pedro Sánchez foi investido presidente do goberno en xaneiro por maioría simple (167 votos a favor) en segunda votación. En decembro, o seu goberno de coalición conseguiu aprobar os orzamentos para 2021 con maioría absoluta (188 votos) e a lei de eutanasia co apoio de todos os grupos parlamentarios (198 votos) coa excepción de PP e Vox. Parece que as operacións de acoso e derruba non tiveron os resultados que buscaban os principais partidos da oposición, incapaces de sumar forzas para artellar unha alternativa.

    Nestas circunstancias, ben podería dicirse que o goberno aguantará toda a lexislatura, salvo catástrofe. Pero resulta que xa está a pasar unha catástrofe e aguanta.

    30 dic 2020 / 10:14
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito