Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Granxas gandeiras e contaminación das augas

    CANDO apareza este artigo, espero que rematara xa a marusía desatada polo ministro Garzón coas macrogranxas. Un triste episodio da nosa historia xornalística máis recente, no que o peor non foi o de ter que tratar reiteradamente con argumentos simplistas un tema complexo de máis, senón o da utilización e deturpación política deste. Uns e outros retorceron os datos ata o inimaxinable para poder soster as súas posicións ideolóxicas.

    Non quixera contribuír coa miña opinión a esta cerimonia da confusión, pero resístome a non falar dun tema do que se tratou na famosa entrevista do The Guardian pero sobre o que, despois do moito que se barallou, apenas se afondou. Estoume a referir á contaminación das augas superficiais e subterráneas por parte destas granxas, cuestión na que reiteradamente se insistiu, pero sobre a que ninguén achegou os datos necesarios para a súa confirmación.

    E non se pode dicir que sexa un tema descoñecido pois, cando menos, desde hai trinta anos existen análises das augas españolas dirixidas cara á investigación da súa posible degradación polas actividades gandeiras. Mesmo en Galicia, estudos que eu coordinei tiñan esta mesma orientación. Destes traballos concluíase que o problema radicaba na grande cantidade de xurro producido polo gando, así como do alto contido en nitróxeno que tiña, o cal, cando se botaba á terra para a súa fertilización, podía chegar por diferentes vías ás augas superficiais ou subterráneas e nelas converterse en produtos perigosos para a saúde humana.

    Esta posibilidade valorouse no ano 1991 para as augas subterráneas españolas e atopouse que o 23% delas tiña este problema de contaminación e que, en moitos casos, a súa orixe podía estar na alta densidade gandeira dalgunhas rexións. En Galicia eran só o 7 % dos acuíferos en mal estado.

    Na actualidade, unha análise semellante (pero con moitos máis puntos de medida) para o período 2016-2019, mostraba que a situación de contaminación por nitróxeno non variara moito con relación aos valores medios das augas españolas de había tempo. Pero, como acontece moitas veces coas estatísticas, esos promedios agochaban grandes disparidades rexionais. Neste caso, a zona nordeste de España, principalmente Cataluña, aparecía con cantidades importantes de augas contaminadas que, probablemente, tiñan unha orixe en actividades gandeiras, se ben é certo que as relacións non eran excesivamente consistentes. Nese período de tempo as granxas de porcino medraran moito nestas zonas, polo que non sería aventurado matinar que nelas estaba a orixe da contaminación dos acuíferos.

    Para poder aclarar máis esa posible relación entre as granxas de porcos e a degradación das augas non había outro camiño que realizar estudos cun maior detalle territorial nos que debería ficar máis evidente esta posible relación entre o gando e as augas, algo que si fixeron os cataláns no ano 2016, cando analizaron a contaminación das augas subterráneas das comarcas con maior carga en gando porcino. Os resultados, desgraciadamente, seguiron a ser pouco concluíntes, pois se ben semellaba manifestarse unha certa relación entre a gandeiria e a contaminación, había algunhas bisbarras como a do Maresme que, a pesar de ter as peores augas, era a que tiña un menor número de porcos.

    Quere isto dicir que as explotacións gandeiras, maioritariamente as macrogranxas de porcino, non contaminan as augas en España? Non, xa que segue a ser unha hipótese plausible a posibilidade de que o nitróxeno contido nos xurros xerado por estas explotacións gandeiras chegue ás augas superficiais e subterráneas se non se adoptan as medidas de atenuación e control axeitadas.

    Porque esta é a outra cara da moeda: que existe unha variedade ampla de técnicas que permitirían minimizar ata límites admisibles os riscos de contaminación, como sería o dispor dunha superficie de cultivos, propia ou allea, suficiente para un vertido seguro do xurro, ou reducir en orixe a carga contaminante mediante separación de sólidos, metanización, denitrificación, etc. É dicir, todo o necesario para que o xurro se poida converter dun lixo nun recurso aproveitable. As lexislacións xa esixen estas medidas e hai moitas explotacións que as compren, polo que non se deberían descualificar sen máis, como se estivo a facer inxustamente nesta desgraciada lea.

    O problema está, como sempre, en que hai autonomías máis laxas na aplicación destas normas e que existen gandeiros desaprensivos (hai constancia diso) que elixen a vía fácil e barata de ignoralas, polo que habería que evitar que o que fan mal uns se considere como norma para todo o conxunto. En poucas verbas, “que non se tome a parte polo todo”, figura retórica que pode ser boa para a literatura pero nefasta na ciencia.

    28 ene 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito