Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Hai que mirar por ela

    ESTABAN con aflición, con mágoa e con noxo de ver aquelo desbaratado, escunchadas as paredes e os cables polo chan; desatendido e desocupado. Era o primeiro andar dun hospital de referencia na cidade, un hospital da Rede Pública Galega de Atención Sanitaria, con nome propio, con profesionais de prestixio e con alta valoración nos ranquins de moda.

    Ringleiras de cadeiras baleiras e algunhas co respaldo de revés. Outras tres estaban colocadas en liña, impedindo que se abrira a porta do baño. Eran as catro e media da tarde e na primeira oficina, ao carón desa inmensa sala de agarda, tampouco había xente, nin homes, nin mulleres, nin funcionarios, nin estatutarios, nin conserxes, nin operarios.

    Nunha reviravolta, alá detrás dunha columna, enorme piar cadrado de formigón mal pintado, estaba outro despacho aberto e baleiro; no andar, un carriño con utensilios de limpeza e un balde con auga alodada como se fose das escorreduras do chapapote. Ao lonxe víase outro carriño igualmente inmobilizado, parado e atrancando a porta doutra sala con máis cadeiras pousadas unhas nas outras.

    Dúas mulleres atendían aos pacientes ou doentes que se asomaban pola dereita daquel piar recio. –Boas tardes! É vostede a encargada desta nave? –Dígame? Sacou número na máquina? –Non, non saquei ningún número, nin vin ningunha máquina. –Como se chama? ... pois vostede non está na miña listaxe, pete nesa porta e entre aí. –Ah, grazas! Efectivamente, alí outra muller de idade parecida á primeira, pero aínda con máis solemnidade na súa mirada, fixo un breve interrogatorio ao que respondía sen esforzos e sen tardanza o consultado.

    Todo perfecto, pero o cidadán levaba máis dun ano na listaxe de agarda e non quería que o mandasen á privada. A privada tamén a paga o Sergas, dixo aqueloutra señora que agardaba a súa quenda de entrada. Non se entende nin se comprende tal desvío, cando a pública é unha sanidade magnífica, con profesionais magníficos e ben formados, con experiencia, con medios e con investigación e, xa que logo, con coñecemento adquirido, acumulado e transmitido, día a día e ano a ano.

    Non lle dea máis voltas, dixo a mesma señora, se non quere esperar máis tempo, vaia a onde lle mandan, alí nesa privada tamén traballan os especialistas da Pública e, “se hai algunha complicación, xa eles lle axudan a cambiar”. –Entendido, señora! Pero como di a Tía Manuela se non miran pola Sanidade Pública, “pronto quedaremos sen ela”.

    26 ene 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito