Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Hipóteses pouco realistas (interesadas?)

    O PIB galego retrocedeu no terceiro trimestre de 2020 un -5% en comparación co mesmo período do anterior ano, o que nos coloca nunha situación mellor que a media do Estado español onde é de 8,7%. Vense máis prexudicadas nos resultados as comunidades que teñen unha maior dependencia do turismo de masas (Baleares, Canarias, Cataluña, Valencia, Navarra, Andalucía, Madrid). Mentres que o segundo trimestre implicou unha gran regresión do PIB, polo confinamento, o terceiro significou unha mellora salientábel, cunha subida do 16,7% do PIB no EE. Cumpríanse así, en principio, as previsións de moitos especialistas sobre a evolución da crise económica vinculada á pandemia do covid-19.

    Mais agora, na práctica, esta segunda onda da pandemia cuestiona estas hipóteses tan optimistas, xa que todo leva a pensar nun novo confinamento domiciliario (solicitado xa por varias autonomías), e mesmo que non sexan afectadas moitas actividades laborais, e o ensino de primaria e secundaria, a medida incidirá negativamente tanto sobre o emprego como sobre o PIB. E polo tanto afectará os ingresos fiscais e o gasto social e os recursos adicados a apoiar o aparello produtivo. Coido que este novo escenario debería estar contemplado nos Orzamentos que se van presentar no Parlamento, e a UE tería que aumentar o fundo de recuperación. Ademais, volvese a reflectir máis unha vez que o axeitado sempre é contemplar varios escenarios e traballar sobre a hipótese máis negativa. Lembremos que moitos/as especialistas adiaban o subministro da vacina para 2021, e a superación da crise económica ligada ao tema sanitario para finais dese ano ou 2022.

    O pretender recuperar como fose o turismo no vran, forzando a desescalada, dado a importancia deste sector na actividade produtiva e no emprego en determinadas comunidades, revelouse como nunha apreciación errada, mesmo que haxa unha escusa xa que non existían precedentes. Agora ben, na realidade converteuse nunha eiva estratéxica. Foi así, porque non se puxo teima e adicación necesaria en reforzar a sistema sanitario, especialmente a atención primaria, e as residencias da terceira idade, que eran os francos máis débiles, tanto para frear o virus como para atallar unha segunda onda. E nestes aspectos é onde non existe ningunha xustificación política, onde non vale a escusa da inexperiencia por parte do Governo galego. Seguirase o mesmo perigoso guión respecto das festas de nadal e fin de ano?

    Polo momento no noso país a Xunta de Galiza optou polo confinamento perimetral en relación con aqueles concellos que acadaron niveis de contaxio máis elevados, sumado a medidas de distanciamento entre as persoas e peche da hostaleira durante un mes. Un paso positivo. O tempo dirá se estas medidas son abondo para dobrar a curva dos contaxios e dos ingresos hospitalarios, dado o comportamento da pandemia en toda Europa occidental onde se tiveron que tomar decisións máis drásticas. En calquera caso, non se entende moi ben porque non se confina a autonomía, aínda que as medidas adoptadas sexan máis ríxidas naqueles concellos máis atinxidos polo virus.

    Asemade, semella da máxima urxencia, xa que son tarefas pendentes, o reforzamento do sistema sanitario, medidas de excepción para as residencias da terceira idade, e dotar de axudas durante a pandemia tanto aos/as asalariados afectados, como aos autónomos/as e ás empresas, especialmente aquelas máis pequenas. Neste último aspecto non se pode obviar que a hostaleira é das máis castigadas. Son tarefas que lle corresponde tomar tanto á Governo central como á Xunta de Galiza. Non se trata só de deixar atrás a pandemia, senón de como se supera. Non pode ser unha repetición dos efectos sociais e económicos da crise do 2008, con caídas dos salarios, precariedade, falsos autónomos/as, quebra das pequenas empresas e aumento do control do capital foráneo da economía galega, emigración da mocidade, retroceso demográfico, etc. Hai outro camiño posíbel, dado a situación xeográfica do noso país, riquezas potenciais e capacidade humana.

    https://obloguedemera.wordpress.com/

    06 nov 2020 / 00:26
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito