Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Homenaxe a tres esteos para a lingua

    NESTA semana o Instituto da Lingua Galega, que cumpriu en maio cincuenta anos, réndelles no seu simposio anual unha merecida homenaxe a
    tres dos seus investigadores fundacionais: Rosario Álvarez Blanco, Francisco Fernández Rei e Manuel González González; tres esteos ou piares para a lingua como o demostraron, e demostran, co seu día a día e desde todas
    as institucións que presiden ou das
    que forman parte.

    Iniciaron o seu labor investigador na década dos 70, sendo ben noviños, nun contexto marcado pola ditadura, polo desprezo a un idioma e pola estigmatización dos seus falantes. Como no seu día fixera Domingo Fontán para cartografar Galicia, estes tres mozotes patearon corredoiras e camiños, aldeas de montaña e de costa, vilas, estradas... para coñecer a realidade lingüística e sociolingüística da que partían.

    Escoitaban, falaban, recompilaban datos, gravaban, planificaban... Unha investigación lingüística, filolóxica e tamén pedagóxica que, entre outras cousas, asentou os modelos para investigadores posteriores; conseguiu colocar no ámbito europeo os estudos lingüísticos do galego; avanzou na demostración da conexión da nosa lingua coas románicas irmás; impulsou a normativización baseándose en datos reais e en coñecementos filolóxicos e deu orixe a numerosas ferramentas e recursos que se poñen ao dispor da comunidade académica e da sociedade nos ámbitos da lexicografía, da gramática histórica, da onomástica, da fonética, da dialectoloxía...

    Velaí o Arquivo do Galego oral, o Corpus informatizado da lingua galega, o Dicionario dos apelidos galegos, o Corpus de textos antigos de Galicia; o Atlas lingüístico Galego, as Normas ortográficas e morfolóxicas da lingua galega –publicadas en colaboración coa RAG– ou os Cursos de galego para estranxeiros que cada verán atraen máis alumnado, como a Takekazu Asaka, “o amigo Takiño” en palabras de Fernández Rei, embaixador do galego en Xapón que traduciu a obra de Rosalía ao xaponés e mesmo publicou unha gramática do galego para xaponeses.

    Pero, ademais de todo isto que non é pouco, tamén dedican tempo e esforzos á docencia; e a dirixir ou asesorar memorias de licenciatura, teses, a bolseiros ou bolseiras –entre os que teño a honra de encontrarme– que puidemos constatar e comprobar de primeira man o que significa a constancia, a perseveranza, o facerse preguntas e dubidar para chegar a coñecer, o comprometerse e traballar, cadaquén desde as súas posibilidades, pola dignificación do noso idioma, dos seus falantes e dun país.

    22 oct 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito