Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Idólatras

    DESDE que hai un par de semanas escoitei ao mestre da fotografía Joan Fontcuberta falar sobre a autora estadounidense Vivian Maier, unha reflexión andaba a roldar a miña cabeza. Unha historia sobre a necesidade vital que moitas persoas teñen de idolatrar a outras. Unha historia de idólatras e, porén, de idolatrados. Entón pensei en escribir o meu seguinte artigo sobre esa historia e, casualmente, estando nestas cavilacións, souben da morte dun ídolo do fútbol mundial, Diego Armando Maradona.

    Persoalmente son pouco de ídolos, símbolos, medallas ou cousas semellantes, pero si me gusta reivindicar a persoas destacadas no seu espazo, sobre todo se son mulleres. Ademais gusto da fotografía, mundo que, polo seu elevado grao de masculinización, se presta ben a lle dar voz a fotógrafas –que as houbo e hai, boas e moitas–.

    Malia non ser idólatra, en 2007 quedei admirada polo traballo e pola historia de Vivian Maier, descuberta cando un afeccionado comprou unha maleta nunha subasta (a maleta chea de negativos dunha nova Mary Popins...).

    O certo é que sorprendían as súas marabillosas fotos en branco e negro e que, para ter aparecido da nada en nada de tempo, a súa biografía fose moi prolixa, coñecéndose ducias de datos da súa vida: cando e onde nacera e morrera, quenes foran seu pai e súa nai, cousas da súa nenez en Francia, que volvera aos Estados Unidos, que comprara a súa primeira cámara Rolleiflex xusto no ano 1952, que o único familiar vivo lonxano co que se puidera falar lembraba a unha adolescente coa súa cámara retratando campesiños, que fora unha nanny socialista e feminista e que, malia ser muller e se adicar a un traballo humilde, recorrera algo de mundo durante case un ano, viaxando por Francia, Italia, Exipto, Tailandia, Vietnam, Indonesia e ata Taiwan. Semellaban moitos detalles para unha total descoñecida, mais nada inducía a sospeitar.

    A partires dese momento, xurdiron milleiros de idólatras de Vivian Maier, recoñecida xa como unha referencia, unha das autoras máis influíntes da historia da fotografía urbana. Ata chegaron a dicir que quizais decidira permanecer voluntariamente no anonimato coa “inmaculada misión de fotografar o mundo sen máis comentario que o contacto” (sic).

    O mes pasado fíxose pública unha conferencia de Fontcuberta sobre a facilidade de construír personaxes e na que afirmou o seguinte: “Vivian Maier la he creado yo”. Certa ou non a súa revelación, uns crérona e outros non, pero notábase que a dúbida provocaba que o mito se cambalease, o que deu pé á miña reflexión sobre como sentirían a sospeita todos eses idólatras dun dos novos faros da fotografía.

    Días despois saltaba a noticia da morte de Maradona, correndo ríos de tinta (e bágoas) sobre o ídolo e críticas feroces sobre a súa calidade como ser humano.

    Eu cadrei o círculo: moitas persoas (admiradoras da fotografía coma min ou do fútbol como o meu avó, que máis dá) precisan idolatrar a outras, precisan construír símbolos dos que non importa que clase de seres humanos sexan, que existisen de verdade ou que só fosen personaxes inventados para demostrar a debilidade humana pola idolatría.

    04 dic 2020 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito