Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

de dereitos

    SEMPRE foi consubstancial á dereita o estar dirixida por persoas de peso. Pois agora comándana uns monifates que copian retesías da extrema dereita americana para fabricar políticas. Iso si, non apean a palabra liberdade da súa boca trumpista, aínda que renegan dela constantemente na práctica diaria.

    Se perden as eleccións “hai fraude”. Unha moción de censura pode ser “golpe de Estado” ou “asalto as institucións”. Os gobernos que non son seus son “espurios”; proclaman “socialismo ou liberdade”, pensando que Madrid é o Oeste americano. O problema é que, nese ataque constante á igualdade de dereitos persoais ou colectivos, ás veces, esa dereita españolista, está secundada por un PSOE que comezou a ter fugas democráticas xa antes de que o Clan Sevillano pactase a Transición e continuaron perdendo lexitimidade como esquerda cando foron entrando nos consellos de administración das empresas monopolísticas.

    E pasaron de pedir no 1979 a “autodeterminación” a propoñer, e logralo nalgúns casos, a ilegalización dos partidos nacionalistas.

    Por iso ambos partidos me sorprenderon esta semana no Congreso cando lle deron o seu apoio a unha parte da proposición non de lei sobre a igualdade no tratamento das linguas cooficiais.

    Aprobaron só tres puntos dos oito presentados na proposta xurídica das asociacións de todo o Estado en defensa dos idiomas cooficiais, que representan ao 45% da cidadanía. Pero pode ser un avance para a igualdade das linguas cooficiais, pois permitiría dar un paso adiante en aspectos tan importantes como o deber dos funcionarios a coñecer a lingua dos territorios nos que traballen. Póñoo en condicional pois a experiencia dime que se aproban moitas leis nos parlamentos que nunca son desenvoltas ou aplicadas na realidade. E, coñecida a política lingüística do PP, pero tamén do PSOE, en moitas comunidades, nada me leva ao optimismo, aínda que só se trate de aplicar os dereitos humanos.

    Sei por experiencia que nos parlamentos se perden moitas horas para nada e que algúns partidos nunca tiveron palabra.

    13 mar 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito