Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Incertidume

    “ESTÁ todo muy revuelto”, acabo de oírllo dicir a un economista nunha tertulia da radio. O economista é o especialista ao que máis lle perdoamos a súa obviedade, a súa simpleza, e incluso a súa sancta simplicitas. El cre que fai o seu traballo só con pronunciar, en tempos coma estes, a palabra que máis pasma á xente: incertidumbre. Por certo, debería dárselle licenza (en galego) ao “españolismo” incertidume (alixeirándolle así a carga semántica a incerteza), pero só como tecnicismo económico. Resulta de fácil montaxe morfolóxica e de doada integración nun campo asociativo (Bally) que tamén en galego amosa certa vitalidade, aínda que sexa analóxica. Os linguócratas máis lusistas bótannos tantos polbos e poréns que non deixan sitio para incertidumes (económicas). Pero habelas hainas.

    O que pasa é que hai que tomalas con humor, como facía John M. Keynes, que hai un século escribiu un ensaio encantador para atallar o pesimismo dos seus colegas, naqueles días de incertidume a rente a Gran Depresión: As posibilidades económicas dos nosos netos. Pois resulta que aqueles netos vimos sendo nós, que pasados cen anos, estámosche máis ou menos nun cadro macroeconómico semellante. O ensaio de Keynes segue sendo literariamente moi cativador (que ben escribía o tipo), pero a verdade é que en materia de previsións económicas non acertou unha. Aquela “arte da vida” (good life) da que agora teriamos que estar a gozar, ula ela. Aquel “progreso moral” que habiamos alcanzar nestes nosos días, ulo el. E aquel “repugnante amor aos cartos” que neste momento tería que estar desaparecido, resulta que segue toleando a humanidade. De onde tiraría Keynes tanto optimismo. Pois de onde se tira sempre: do amor; ou, mellor dito, do namoramento (que non che son a mesma cousa) inspirado por unha musa, a bailarina Lydia Lopokova, con quen o economista viviu un tórrido romance que chegou á máxima quentura alá pola metade da década dos anos 20. Vese que a única maneira de ver a economía de color de rosa é namorarse dunha bailarina, podendo ser de San Petersburgo onde nacera tamén Anna Pávlova, que namorou outro economista, Oswald T. Falk. Que falta lles fan aos nosos economistas unha cantas bailarinas, empezando polos do Foro de Galicia. Sempre lles reprochamos que non soubesen ver vir a crise de 2008, pero as crises non son para velas vir cos ollos senón para sentilas caír cos instintos, que son os que entenden de finuras e matices (tan importantes en economía). Sobre todo se están iluminados polo amor das bailarinas, benditas elas. A ver quen é o economista capaz de escribir hoxe unhas Posibilidades económicas dos nosos netos. Ningún. Faltan bailarinas e sobran oligarcas (“está todo muy revuelto”). Maldita incertidume.

    13 may 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito