Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Indulto, Igualdade e referendo

    Que o Governo presentase a iniciativa de indultar aos presos políticos cataláns, converteuno nunha cuestión estratéxica a oposición de dereita, que olla o tema como unha oportunidade para desgastar ao PSOE. Porén tamén amosa a incapacidade que ten a esquerda e dereita sistémica de ofrecer alternativas diferenciadas na loita polo poder institucional, malia a agudización das contradicións económicas e sociais, polo esgotamento da capitalismo. Só así se entende que recorran permanentemente aos sentimentos primarios, deixando nun segundo plano propostas que impliquen solucións ao conflito catalán.

    Ademais, esquecese cando o presidente Aznar fixo algo semellante abrindo as negociacións con ETA. Non foi o único caso, xa que tamén se indultaron persoas vinculadas ao golpe de estado do 23-f como Armada, ou as vinculadas ao terrorismo de estado como Vera e Barrionuevo, creadores do GAL, todas elas perante o governo de Felipe González, agora critico, e por certo co aval do Tribunal Supremo. A ningún deles se lles esixiu arrepentimento e foron feitos moito máis graves, que a declaración simbólica da independencia perante un minuto. Tampouco se ten en consideración, malia o europeismo do que fai gala a oposición (e o Governo) que en poucos países da UE existe a figura de sedición, e que onde a hai, a condena máxima e de tres anos.

    En todo caso, cal é a opción alternativa que ofrecen os partidos da dereita para buscar unha vía de solución ao conflito catalán ou que permita a convivencia? Todo indica que a oposición de dereita valora exclusivamente a vía represiva, e escenificar acotío quen posúe máis forza. Este pode ser un camiño que nesta conxuntura garanta réditos electorais, máis nunhas autonomías que noutras. Por canto tempo e en que dimensión? Non se pode obviar que unha resposta autoritaria alentará a confrontación, a polarización, e polo tanto o nacionalismo español, porén tamén, como actitude de subsistencia e resistencia identitaria o independentismo nas nacións periféricas. Unha situación que non é nova na historia do Estado español, e do que deberiamos tirar ensinanzas.

    Agora ben, este centralismo disfrazado de unidade (forzada) respecto das nacións periféricas, mais negadas na práctica (aínda que se aceptasen nas constitucións autonómicas a denominación de nacionalidades históricas), resulta totalmente contraditorio coa actitude de cesión de competencias e aceptación de directrices respecto da Unión Europea (sen ningún referendo previo). O argumento neste caso, escusa, é que a UE represéntanos a todos e todas, e que vivimos nunha realidade multinacional que supera as fronteiras (xa se sabe a economía de escala, etc). Unha análise sobre a realidade que é totalmente o contraria á que se utiliza para negar a evidencia do carácter plurinacional do Estado español. Obviando ademais que o dereito a decidir existía de facto no vello réxime, suprimido en 1833. Lembremos, por exemplo, que en 1809 a Xunta Suprema do Reino de Galiza formou un exército propio e negociou como governo soberano con Portugal, Inglaterra, Asturias, Castela e León, a coordinación da loita contra a Francia napoleónica.

    En Resumo. Ulo a democracia e a xustiza, cando se reinterpreta a historia e o que vale no día a día é se somos máis fortes, ven por sermos sinxelamente máis numerosos, por termos máis diñeiro ou armamento máis poderoso? Mais nunca se pode obviar, cando se utiliza a forza, que para alén da correlación de forzas actual os escenarios poden mudar moito no futuro, máxime nun mundo no que está roto o equilibrio coa natureza, seguen a medrar as contradicións sociais e territoriais e onde confrontación entre potencias vai a máis (mesmo no ámbito científico técnico),... O lóxico sería unha amnistía para os presos/as políticos cataláns (e para aqueles que están fuxidos), recoñecer o dunha vez o carácter plurinacional do Estado español, e aceptar a libre determinación das nacións que o integran. Cómpre rematar coas subordinacións, poñendo por diante as relacións en pé de igualdade, de interese mutuo. E, quen se considera dono da razón porque teme tanto o referendo?

    https://obloguedemera.wordpress.com/

    03 jun 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito