Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Indultos

    REZA unha copla tradicional: “Dentro do meu peito teño dúas escamas dun peixe. Unha dime que te ame, outra dime que te deixe”.

    Lembreina cando comezaron as novas sobre un posible indulto aos condenados pola sentenza do procés, pois Dereito e Política son as miñas escamas.

    Confésome fan total da sentenza da Sala do Penal do Tribunal Supremo, intachable desde o punto de vista penal e remate dun xuízo modelo para vindeiras xeracións. Avalada polo Tribunal Constitucional e polo Tribunal Europeo de Dereitos Humanos, nin sequera Amnistía Internacional lle sacou unha mancha, e axudou a desterrar esa visión de España como país de pandeireta. As condenas son coñecidas e os presos levan case catro anos no cárcere.

    Cando comezou o ruxe ruxe do indulto, as escamas do meu peito falaron. A Política chamaba á porta.

    O indulto non é unha segunda instancia xudicial, é un acto político, concedido polo Goberno dacordo coa lei de 1870. Xa que logo, é un acto legal que debe seguir a lei, incluído un informe do Tribunal Supremo, só vinculante para o Goberno cando se pretenda un indulto total.

    O Goberno debe coñecer as circunstancias dos feitos e facer un profundo estudo sobre as consecuencias da súa decisión, escoitando ao Tribunal sentenzador, que recollerá no documento “especialmente as probas ou indicios do arrepentimento”. Aínda que ten ocorrido que o Tribunal Supremo respaldara indultos no pasado –pasou co do golpista Tejero– sen que o pedisen e sen que se arrepintisen.

    O indulto é un acto gubernativo de xenerosidade: A propia lei fala da “gracia do indulto”. Non é amnistía, por iso non gusta ao independentismo. Co indulto perdóase a condena, total ou parcialmente. Coa amnistía, o que se perdoa é o propio delito, de maneira que os condenados adquiren de novo os dereitos dos que foran privados pola sentenza. Quizais tampouco guste porque pode ser a proba de que en España a Xustiza funciona e liquidar ese discurso victimista dos presos políticos.

    En resumo, no indulto hai unha parte cun, digamos, protagonista xurídico (o informe do Tribunal sentenzador) e outro político (o real decreto do Goberno). Os planos nos que se moven os dous protagonistas son distintos, mais a propia lei introduce un elemento común, a Equidade que, non sendo fonte do Dereito, pretende a xustiza concreta. Porque cada sentenza de condena penal debe ser individualizada procurando a equidade e cada indulto tamén.

    É unha falacia dicir que co indulto se conculca a división de poderes porque estes non son estancos, como ben dicía Montesquieu. Tan falacia como escandalizarse porque a Generalitat afirme que o seu obxectivo é a independencia de Cataluña. Vivimos nunha Democracia e as ideas non delinquen.

    A miña escama política berroume que estamos ante un dos nosos problemas históricos enquistados. O referendo, a declaración de independencia e os incumprimentos das resolucións xudiciais en Cataluña son agora o noso problema territorial. Precisamos audacia, diálogo, didáctica e pedagoxía, é dicir, Política de verdade, non de tuit, que persoalmente aborrezo. Se o Goberno ten decidido o camiño do indulto, debe convencer sobre a súa conveniencia, igual que Felipe González no referendo sobre a OTAN ou José Luis Rodríguez Zapatero cando se dialogou para o fin da ETA.

    Aqueles foron camiños inexplorados, este tamén o é, mais todo está permitido en Democracia respectando a legalidade.

    03 jun 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito