Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Jimena Fernández de la Vega, científica do ano

    UNHA científica de noso, Jimena Fernández de la Vega (Vegadeo, 1895-Santiago, 1984), pioneira en España da incorporación da xenética e a hidroloxía no campo da saúde, foi escolleita “Científica do ano” pola Real Academia Galega de Ciencias, que hoxe lle rende tributo. Coa súa xemelga Elisa, o seu paso pola Facultade de Medicina da USC, onde tiveron de aturar arreo comentarios desagradábeis, foi incómodo e mesmo deciden non volver polo Centro. Mais dous alumnos, José Arijón e Gumersindo Sánchez Guisande, median para que regresen e conseguen que se lles pidan desculpas publicamente. Elas, en resposta, fanse con máis de 20 matriculas de honra.

    Licenciada con Honores en 1919, Jimena será premio extraordinario “Fin de Carreira” e doutora pola Universidade Central (Madrid), coa tese “Estudo da vagotonía infantil mediante exame hematolóxico”. Bolseira da “Junta de Ampliación de Estudios”, desenvolve a difusión dos fundamentos da xenética aplicada a saúde e en 1933 é directora da Sección de Xenética e Constitución, dependente da cátedra de Patoloxía Xeral do profesor Nóvoa Santos. Dous anos despois o Doutor Marañón ofrécelle impartir un curso sobre herdanza e xenética humana na súa cátedra, que culminou co libro “A herdanza fisiopatolóxica na especie humana”, que lle prologa.

    Cun capote militar azul e unha gran cruz prateada de sanidade, nos anos da guerra Jimena asiste como médica no seminario de San Martín Pinario e adoito encárase aos mandos militares cando lle esixen que dea de alta antes tempo algún soldado. De regreso a Madrid imparte clase na Facultade, traballa no Hospital de San Carlos e orientase cara a Hidroloxía ate se converter na primeira muller directora de balnearios en España. Guitiriz (Lugo); Montemayor (Salamanca); Baños de Montemayor (Cáceres); Cestona (Guipuzcua) e Lanjarón (Granada), onde se xubila, gardan a súa pegada. Unha rúa e unha escultura en Vegadeo ou unha Residencia universitaria en Compostela son ecos desta primeira médica galega que, canda a súa irmá, matricúlase tres anos despois de que desapareza a prohibición de acceso das mulleres á Universidade, 1910, sendo Emilia Pardo Bazán conselleira de Instrución Pública no Goberno de Canalejas.

    Desde Buenos Aires, para partillar a homenaxe a súa tía-nai Jimena, sumase Wenceslao Sánchez de la Vega (Zaragoza, 1929), coa a presenza en Santiago das súas fillas Jimena e Constanza e do seu fillo Ernesto. Eís anacos da correspondencia que adoito mantemos: Elisa, miña nai, morreu dunha pneumonía con trinta e oito anos no 1933. Meu pai nunca volveu casar. No 36 tivo que fuxir e migrar a Arxentina mentres eu e mais dous irmáns quedabamos doce anos a cargo da miña tía Jimena, solteira e xemelga da miña nai. Do 36 ao 41 moramos en Compostela, na rúa Raxoi, onde nacera meu pai, de aí que poida falar en galego. A galeguidade quedou na miña alma. Do 41 ao 48, vivín en Madrid, onde fixen o bacharelato. Mais todos os veráns pasabámolos en Vilagarcía. Sempre en Galiza, como diría Castelao. Aos 19 anos vin “coñecer” o meu pai que fuxira cando eu tiña 6 anos. Na Arxentina fixen a carreira de Medicina e especialiceime en Alerxia e Inmunoloxía Clínica.

    Mais adentrémonos nesta familia a partir daquel estudante, Gumersindo Sánchez Guisande (1892-1976) que non só se interesa en que as irmáns Fernández de la Vega sigan na Facultade, senón que casa con Elisa. En 1929, en Zaragoza, onde o seu pai é catedrático de Anatomía e a súa nai profesora da Facultade, para alén de autora dun manual de enfermaría, nace Wences.

    Coñecido coma “o médico dos pobres” a resultas de crear unha institución de protección da infancia e militante de Esquerda Republicana, Sánchez Guisande é destituído dos seus cargos a raíz do golpe de estado e élle requisada a súa biblioteca. Refúxiase en Compostela e Vilagarcía de Arousa e, vía Lisboa, exiliase na Arxentina onde desenvolve toda unha vida vinculada coa diáspora. Director médico do Centro Galego, con Antonio Baltar e un dos fundadores do Fogar Galego para Anciáns en Domseelar (provincia de Buenos Aires), representou o Goberno republicano no exilio e mesmo patentou inventos como o modelo dosificador do biberón. Intimo amigo de Castelao, foi un dos médicos que o atendeu ate o pasamento. El e o seu fillo Wenceslao foron quen embalsamaron o corpo do grande intelectual, activista e ideólogo, emblema do nacionalismo galego.

    Jimena Fernández de la Vega sorrí na fotografía da paxina web da RAGC, que a nomea científica do 2021.

    04 oct 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito