Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Lembranzas

    COLLER as vacacións en setembro, como fixen, ten as súas vantaxes, pois onde vas hai menos movemento e podes gozar de todo con máis calma. Os primeiros catro días paseinos en La Cerdanya, onde todos os irmás alugamos unha casa en Bor. O primeiro almorzo, nun bar, antes de comprar víveres, foi de escándalo; pois ao preguntar que tipo de bocadillos tiñan, dixéronnos que grandes pola metade, medianos pola metade e pequenos. E como contestei que grandes, crendo que serían de media barra, e déronos unha enteira a cada un; a dieta da miña irmán sufriu un pao fatal.

    A maioría das excursións que realizamos duraron dúas horas, menos a que fixéramos ao refuxio de Malniu, máis longa. O refuxio está na base do Puigpedrós, a 2.100 metros de altura, onde subimos en coche. Logo un grupo ascendemos ata o primeiro lago e outro –os/as máis fortes– ata o terceiro. As vacas de cor negra, marrón ou gris, habituadas á neve, son as raíñas da zona; e cando achégaste a elas seguen pastando sen moverse de sitio, quedando claro quen manda.

    No cemiterio de Bor vimos catro tombas co noso apelido e, ao preguntar á primeira persoa que atopamos na rúa, díxonos que se chamaba Ribot e comezou a explicarnos a historia da súa familia. Ao contarnos que estaba enterrado un irmá seu que morreu de accidente hai dous anos, non puido conter as bágoas. Sorte que despois volveu a contar cousas moi simpáticas dos seus antepasados.

    En Sabadell comemos varios amigos do colexio que facía tempo que non nos víamos. Con Josep, que é profesor en Brasil e eses días estaba por aquí, contámonos as nosas aventuras en portugués e galego para facer país. A próxima xuntanza será en Cambrils, onde vive Josep Mª, que quere que vaiamos a coñecer a súa familia, previo baño na praia. Na libraría que merquei un agasallo para a miña irmá pequena, Montse, entrou unha rapaza pedindo asilo político. Ao explicar que era porque o aire acondicionado funcionaba moi ben e a calor de fora era insoportable, eu dixen que tamén me sumaba.

    O mellor da viaxe foi poder ver todos os mércores ao meu irmá Ricard, que ten síndrome de Down, na residencia onde vive. Coincidindo coa miña chegada, abriron a posibilidade de realizar visitas. As dúas primeiras na residencia, a terceira coa opción de saír unha hora, e a cuarta –como fixéramos– para comer fora.

    Das historias que recordamos xuntos estes días, a mellor foi a de Montse, cando lembrou que, con 22 anos, tivo que ir co pelo de cor amarela, laranxa e vermella durante dous meses porque no salón de peitado puxéronlle mal a tinguidura. Cada vez que se duchaba, o pelo cambiaba de cor. As fotos do álbum que nos ensinou, testemúñano.

    25 sep 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito