Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Lexitimidade en democracia

    Escoitei nun programa de radio –nunha tertulia– que non era o momento de se plantexar discusións sobre asuntos perfeitamente prescindíbeis, como eran: a monarquía/os borbóns, a configuración nacional/territorial do estado español, o dereito á eutanasia..., quer dicer, case todo menos a pandemia. Certamente a pandemia cambiou, á parte de moitas cousas da vida común, tamén nos meios de comunicación de masas, a axenda informativa, habitualmente determinada polo poder político, ou nos máis recónditos círculos de toma de decisións económicas.

    Observamos que a velocidade de circulación e esgotamento de temas para ter o persoal entretido é enorme, mentres as decisións que mudan as nosas vidas nunca son propostas para discutir, explicar, informar, deliberar e logo ser tomadas en consideración nos lugares de representación política. Así, por exemplo, no mes de agosto de 2011, isto é, con agostía e cuase nocturnidade, aprobouse por maioría parlamentaria, sen referendum, sen tertulias, sen discusións, sen explicacións e sen coñecemento dos cidadáns das consecuencias, unha –a segunda– reforma constitucional. Moi edificante non parece que foi a reforma.

    Se nos fixamos no procedemento, comezaríamos pola habilitación como extraordinario do período de sesións de descanso estival. Se seguimos pola forma parlamentar adoptada, foi pola vía de proposición de lei: hoxe anunciada, hoxe acordada, pola maioría parlamentar de obediencia estatal (PSOE e PP), e, se chegamos ás emendas, non houbo, só unha foi admitida, e era gramatical.

    Votaron en contra ou ausentáronse en sinal de protesta polo atropelo 5 (en contra) e máis do 10% da Cámara ausente: sen representación das nacións do Estado: os deputados canarios (en contra); os vascos (ausentados); os galegos (ausentados); os cataláns (ausentados); os navarros (ausentados); os de Esquerda Unida (ausentados) e varios deputados socialistas que, totalmente en desacordo, non acudiron para non romperen a disciplina de partido.

    Quer dicer, CiU, ERC, PNV, BNG, IU, CC, Nafarroa Bai, UpyD manifestaron o seu voto negativo en si ou en ausencia á reforma da Constitución tanto polo que significaba para a vida dos cidadáns como polo que arrastaba de recentralización, así como tamén polo significado de adoración extrema ao mandato dos mercados entendidos aquí e e nese momento como acredores absolutos e preferentes frente a calquer outro dispendio posíbel do estado de dereito e social.

    O Estado español adquiría o compromiso político –e para iso mudou a Constitución– de se limitar no deficit por baixo dun nível determinado e ademais cumprir, en primeiro lugar, por riba de nengunha outra obriga, o servizo da débeda pública. Díxosenos: hai que tranquilizar os mercados. E os mercados ficaron tranquilos.

    En cambio, os cidadáns do Estado español aturaron durante unha década reducións orzamentarias en todos os gastos públicos: en soldos e salarios, en amortización de postos de traballo, en xubilacións á brava, en redución dos gastos en educación e sanidade e servizos sociais, en ausencia de emprego público nas entidades locais e provinciais; en fin, en pagar aos mercados a base de empobrecemento real.

    Con estes antecedentes, quen e con que espírito absolutamente cínico pode ter hoxe problemas pola maioría parlamentar española non homologada, vale dicer PP-PSOE?

    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.