Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Liberdade, cubano-galegos
e o “negriño Panchito”

    AS condicións de pobreza extrema e de supresión de liberdades que están a sufrir os cubanos levounos, en palabras dunha moza baixo arresto domiciliario, a “comer o medo” e a saíren ás rúas reclamando liberdade e berrando consignas contra un réxime político que se converteu dende hai décadas nunha auténtica ditadura, por moito que haxa dirixentes políticos moi próximos a nós que non se atreven, ou non queren, chamarlles ás cousas polo seu nome.

    Aos galegos, Cuba non nos queda tan lonxe. Quen non coñece ou non conta con algún familiar emigrado ou retornado deste país? A finais do XIX e primeiros do XX, Cuba xunto con Arxentina, foi o destino preferido dos galegos que saíron do porto de Vigo na busca dun futuro, para fuxir das presións políticas... Entre 1899 e 1960 uns 380.000 paisanos puxeron rumbo cara a esta exótica illa que, entre 1920 e 1940, serviu tamén de punto de partida cara a México e Estados Unidos.

    Alí mantiveron, reafirmaron e crearon sinais de identidade propios, ademais de contribuíren a crear os do pobo cubano, grazas ao labor incansable de emprendedores, de exiliados, de dinámicos e ilustrados líderes, sobre todo rexionalistas e nacionalistas, que puxeron en marcha un proceso asociativo capaz de facer visible o seu colectivo, a súa cultura e tradicións ademais de ocuparse da saúde, da educación, da formación laboral... e incluso do enterro.

    Así naceron, por exemplo, a Beneficencia de los Naturales de Galicia en 1871, o Centro Galego da Habana no 79 ou entidades sociosanitarias como a asociación cubana Hijas de Galicia, probablemente, a primeira maternidade de América, nacida co obxectivo de protexer a muller galega emigrada e que, como se recolle na obra Galegas en Cuba, chegou a congregar ata 58.000 socias en 1960. Por suposto, os galegos deixaron a súa pegada tamén na lingua con termos como morriña, comparanza, arrempujar –galego arrepuxar–; andancio –galego andazo– e de juraco e furaco –galego, burato...

    A esta emigración tamén debemos símbolos como a bandeira e o himno galego. Este último, con música de Pascual Veiga e letra de Pondal, estréase no Centro Galego da Habana, hoxe Gran Teatro da Habana, o 20 de decembro de 1907 e alá publicarase o primeiro xornal en galego, fóra de Galicia, entre 1885 e 1889: A gaita gallega.

    E, se falamos de Cuba, obrigatoriamente, teño que lembrar o tenro e querido “negriño Panchito”, o cubano-galego do noso Castelao. Por favor, se non coñecedes a historia, buscádea e lédea. É un agasallo para o entendemento.

    16 jul 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito