Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Limpeza cinco estrelas!

    CANDO viaxo e teño que buscar onde durmir, ademais da páxina web do aloxamento en cuestión, acostumo ver as valoracións que fan os usuarios respecto ao trato que se lle dá ao cliente, a localización, o nivel de limpeza, os servizos recomendados... Teño que dicir, ademais, que desfruto enormemente o feito de que, por uns días, che dean todo feito. Entrar no cuarto dun hotel e ver todo limpo coma o sol... alégrame o espírito. Sen mover un dedo, miro ao redor e está todo coma un espello, impecable, nin unha mota de po, as camas ben feitiñas e cunhas sabas brancas que chaman por ti a calquera hora, os baños desinfectados e relucentes, as toallas amorosas...

    Sen decatarme, mentalmente, doulle as grazas á camareira de piso que realizou aquel labor porque homes aínda non vin nunca; non deben saber levantar colchóns, nin mover e facer camas, nin limpar bañeiras e váteres nin repoñer xeles e demais produtos.

    Cando falamos de hoteis situados en grandes zonas turísticas debemos pensar que estas mulleres, a miúdo, teñen que arrombar 40 ou 50 cuartos en oito horas –cada unha– porque os empresarios dispoñen do persoal xusto; máis ben menos ca máis; dez minutos para cada cuarto e un pouco máis de tempo cando os hóspedes deixan definitivamente o hotel. Ah! E non esquezamos os espazos comúns! Un estrés continuo e un cansazo brutal que se aliviaría se se contratase máis persoal e se lles pagase un salario xusto.

    De súpeto, chegou a pandemia. O sector turístico e aloxamentos modificaron as súas normas de hixiene para adaptalas aos protocolos covid e, agora cando imos cara á nova normalidade, resulta que hoteis como os Hilton en Estados Unidos, son os primeiros –virán outros detrás– que deciden limpar os cuartos cada cinco días a non ser que os clientes soliciten outra cousa. Alegan un compromiso co ambiente –aforran auga, deterxentes e demais produtos– e que descubriron que os hóspedes desfrutan da flexibilidade dos servizos de limpeza baixo demanda; ademais, fanlles descontos con esta opción.

    Manda truco! O que non din é que isto tamén supón centos de traballadores despedidos, sobre todo mulleres, que para as que quedan se incrementará a carga de traballo e que, en definitiva, empeorarán as súas condicións laborais.

    Pois nada, logo gozaremos dun modelo de limpeza cinco estrelas!! sen limpeza. É certo que para moitos é unha tranquilidade pensar que ninguén entra no cuarto mentres se está fóra pero... Xa nos vexo no futuro deixando oco na maleta para os produtos limpadores!

    12 oct 2021 / 02:07
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito