Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Linguas, converter á vítima en opresora

    Núñez Feijóo saíu estes días a bater contra as iniciativas do Governo central, poñendo en primeiro plano varios temas polémicos, o cal ten certa lóxica querendo disputar o espazo da dereita con VOX, e intentar darlle certa homoxeneidade a un discurso político cada dia máis fracturado, especialmente polas arroutadas de Díaz Ayuso. Nesta ocasión o Presidente da Xunta de Galiza, que teimou na idea exposta días antes polo portavoz do PP Miguel Angel Tellado, acusando ao Governo central de querer excluír ao castelán como lingua vehicular no ensino. Evidentemente trátase dunha fake news; tanto o PP como o PSOE destacan polo seu españolismo, aínda que con formas e modelos distintos.

    O presidente da Xunta inverte e deforma a realidade, para atacar a inmersión en catalán nos centros educativos, e, ao mesmo tempo, estende esta postura regresiva a outras linguas propias, entre elas ao galego. obviando que se trata de idiomas en constante loita pola supervivencia, tanto do ensino, como nos medios e no mundo empresarial, e polo tanto nos aspectos dominantes da vida social, como é o caso do catalán, galego, éuscara, etc. Con esta actitude Alberto Núñez Feijóo e o PP ignoran a reclamación da Mesa pola Normalización Lingüística para aproveitar a anunciada modificación da LOMCE. Esta reforma permitiría eliminar algunhas das restricións ao galego e así poder implementar a proposta de Bases para a Normalización do Galego no Ensino na Galiza, que realizaron o pasado mes de xuño esta entidade e as ANPAS, organizacións sindicais e movementos de renovación pedagóxica.

    Ademais tratase dunha declaración por parte de Núñez Feijóo que contradí ao Consello de Europa, que a finais de 2019, a partir dun informe da Comisión de Expertos sobre as linguas minorizadas no Estado español, recomendou á Xunta de Galiza “eliminar de forma inmediata as limitacións á docencia en galego”. Unha situación que sen dúbida o Presidente coñece a perfección, e que parecía intentar resolver nas contidas bagoas e verbo entrecortado durante os mitins na campaña electoral cando seica amosaba o seu amor por Galiza. Unha actitude por certo contraditoria coa que mantivo durante seu mandato e que volve a predicar poucos meses despois das eleccións, o que contribúe sementar un mar de dúbidas e suspicacias na povoación galega. Téñase en consideración que o orzamento da Secretaria Xeral de Política Lingüística representaba no ano 2009 o 0,19% do total do da Xunta e hoxe só atinxe o 0,071%. Retrocedeu máis dun 60% dunha cantidade xa cativa. Non semella unha actitude respectuosa cos galego falantes e con aquelas persoas que queren coñecelo.

    Será puro tacticismo, o de todo vale? Veremos, se o Presidente rectifica, se matiza. Aínda que nestes casos o decisivo sempre é analizar a práctica, xa que utilizar a lingua do noso país como unha moeda de cambio, por exemplo: para quedar ben fronte ao partido en Madrid, non é precisamente unha contribución á identidade de Galiza, porén é un xeito de facer con arraigo nos partidos políticos na Galiza de ámbito estatal. Se fose así, non coido que sexa ben visto por aquelas persoas que son galego falantes e votan ao PP, porén tampouco polos que empregan o castelán, ou ambas linguas. Todos e todas saben que seus pais e nais, avós e avoas, moitos familiares ou persoas coas que teñen amizade e relación falan en galego acotío, e que o idioma danos identidade, forma parte importante da nosa historia e cultura. Renunciar a esta herdanza é unha derrota colectiva e persoal. Axudar a afogar un pouco máis o noso idioma, convertendo en opresor o que é unha vítima, todo por atacar ao PSOE e ao soberanismo catalán, non creo que sexa correcto, nen aceptado pola gran maioría dos votantes do PP.

    Esta declaración agresiva coa lingua da nosa Terra, que o propio Núñez Feijóo emprega en boa medida, reflicte a falta de proxecto, de argumentos, de coherencia, de capacidade para ofrecer un mundo mellor. Ou será que en determinados temas fáltalle ao noso Presidente ese sentidiño que nos pide a todos e todas cando se trata de confrontar co covid-19?

    https://obloguedemera.wordpress.com/

    11 nov 2020 / 00:10
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito