Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Lonxe da veciñanza

    SON Gumersinda, unha vella dun lugar afastado de Galicia, unha aldea onde arestora non vive ninguén e ningunha outra persoa poderá volver vivir alí. Fun correndo, e con recomendación, para a Residencia e aquí estou rodeada de xente e tan soa, moito máis soa do que estaba na casa xélida, onde tanto frío pasei ao longo dos últimos anos. Aquí frío non fai, pero escríbolle, Tía Manuela, amiga discreta nas páxinas deste periódico, para dicirlle que a soidade é tan grande e abafante que teño medo de perder a respiración e morrer.

    Estou rodeada de xente que non coñezo, de vellos e vellas que non me queren, moitos deles non comen, non miran, non andan, non pensan, non len nin contan nada. Estou rodeada de traballadores sociais, de asistentes e coidadores asalariados para coidar de nós, dos maiores que non paramos de chorar por tanta tristura e de laiar por tanta soidade.

    Estou aquí neste cárcere atada á miña condición de vella sen recursos. Estou esperando polo solpor e despois polo abrente. Ninguén se acorda de min e eu estou nunha fase avanzada de perda da memoria. Hai catro anos que cheguei e sego esperando por unha caricia, por un beizo en calquera destas meixelas engurradas. En calquera delas.

    Escondo a cara detrás das mans feridas para que non se podan ler as mensaxes da miña alma, acubillada polo terror deste último tramo do camiño, para que non se saiba nada do que pasa polo meu maxín, para que os meus fillos, fillas, netos e netas non sufran. Seguimos caladamente, e con enorme dor, observando a ringleira de mortos que pasan ao noso lado, pola dereita e pola esquerda, facendo camiño ou remarcándoo.

    A miña amiga tamén morreu e foise por ese camiño. Dinme que ía cantando. Quizais non volva vela nunca máis. Nesta Residencia e, probablemente en tódalas outras, a única esperanza é que chegue a vida eterna. Vostede, Tía Manuela, sabe algo diso? –Non sei que dicir, “a eternidade é cousa da filosofía e tamén da fe”.

    Centos de persoas maiores como Gumersinda, viven nesas residencias, modernas casas da soidade e, en ocasións, necesarias, construídas con cuartos enumerados, cociña, comedor e baños colectivos; convertidas no albergue da etapa final do camiño andado, lonxe da familia e da veciñanza que antes tiñan. Ata sempre, meus vellos, amigas e amigos maiores!

    16 nov 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito