Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Lorca e o galego

    NON DAMOS escarmentado. A seguido do anuncio de que A Insua dos poetas e maila Fundación Eduardo Blanco Amor anunciaran que no 2021 van render tributo de admiración e ó tempo sentida homenaxe á figura de Federico García Lorca, os lectores atentos e preocupados por estas cuestións teñen igualmente noticia de que o patrón daquela entidade, ó mesmo tempo que presidente desta fundación, afirma que se pretende así apoiar a proposta de que a Real Academia Galega dedique un Día das Letras Galegas a Federico García Lorca, en razón de que escribiu media ducia de poemas en galego co cal, pensan eles universalizou a nosa lingua. E xa está.

    Aínda no demos saído dun souto e xa nos estamos a meter noutro. Non superada aínda a decisión de lle dedicar un Día das Letras Galegas a unha máis que dubidosa autora integral dun feixe de poemas en galego, case que todos eles sen maior transcendencia literaria, xa estamos a cismar en si dedicarlle outro ano a un autor granadino que unha vez pasou por eiquí e escribiu seis poemas na súa lingua. Parece ser que os poemas foron traducidos por Eduardo Blanco Amor á nosa e seica na biblioteca da Deputación de Ourense obran os manuscritos de Blanco Amor coas pertinentes traducións deses poemas.

    Servidor non os viu. Pero non dubida, nin ten porque facelo, da palabra de quen foi Presidente do Parlamento de Galicia e anteriormente Presidente da Deputación de Ourense, que foi quen primeiro así llo asegurou. Haberá que lle preguntar ó actual Presidente da Provincia Ourensá a ver se confirma o dato ou mesmo amosa os documentos de xeito que onde falen papeis calen barbas.

    Con independencia dos nomes que dalgún xeito quedan aludidos, dado que os que contan son os feitos, cando non as intencións, antóllase mesmo como loable a decisión de dúas institucións privadas de conmemorar, de facer común memoria, do excepcional poeta que foi o granadino, vítima dos primeiros paseos habidos nos días iniciais da Guerra Civil Española.

    Lorca foi un dos primeiros claudiados, que se dicía na miña terra ourensá; un dos primeiros levados a claudiar; a claudicar, a cair, posto que claudio é o coxo en latín. Claudio é o que claudica e cae e así foron abatidos, claudiados, centos e centos de persoas lonxe do fronte de guerra, vítimas cando non de vinganzas, si de envexas e cobizas tan propias da condición humana.

    Lorca foi un deles, en Granada, onde a represión tamén foi brutal. Non lle perdoaron nin a súa entidade literaria, nin algunha obra teatral que sinalaba a xentes coñecidas, nin tampouco a súa condición homosexual.

    Laxeiro dicía que a transcendencia de Picasso estribaba en tres condicións, a saber: o seu talento, en primeiro lugar; o vivir en París, en segundo, e maila súa condición de militante comunista en terceiro. Maledicencias a parte algo de razón pode que a tivera. A Lorca pode sucederlle algo parecido, foi un gran poeta, un excelso dramaturgo, claudiaba, caía máis ben prá esquerda, era homosexual e foi fusilado ó abrente do día, anónima e ignominiosamente.

    Está moi ben que un par de entidades de índole privado decidan homenaxealo, está moi ben que, se queren apoiala, apoien unha proposta habida, seica, no seo da RAG; está ben que o fagan. Pero é de dubidar que unha institución pública, da entidade, influencia e responsabilidade no devir cultural do país cal é a Real Academia Galega decida dedicarlle un Día das Letras Galegas a un máis que dubidoso autor da versión galega de media ducia de poemas. Os poemas foron escritos en castelán, non no galego ós que os verteu Eduardo Blanco Amor.

    Se os membros da RAG queren homenaxear condicións de excepcionalidade semellantes, ou dalgún xeito parellas ás dos poemas galegos de Lorca (máis galegos que en galego) teñen moi a man ó ourensán José Angel Valente non menos excelso poeta que Lorca, nin moito menos e se acaso máis poeta ca el, autor das Cantigas do Alén escritas que foron en galego e que sí están respaldadas por un coñecemento da lingua de nós.

    O que abondan son exemplos ó respecto. Se de entidade literaria se trata, con independencia da posición ideolóxica do homenaxeado, a simpatía que esperte ou a condición humana que ostente, poden buscar en Sotelo Blanco, lamentablemente silente no seu labor editorial, a obra en galego doutro ourensán, a de Eugenio Montes, e deducir a altura literaria de autor tan franquista como esquecido.

    E xa postos a enredar non nos esquezamos doutro autor galego e universal, cal é Camilo José Cela, que tamén ten obra en galego, apoiou dende os espazos dos que dispuxo tanto ós autores galegos do seu tempo coma as súas obras prestándolles non só ese apoio senón mesmo difusión a disfrutar e ámbito a ocupar do Padornelo pra embaixo.

    Miren que hai nomes de autores de nós ós que lles prestar atención e mesmo o cariño que non disfrutaron en vida. O que haberá que preguntarse é que razóns conducen a propostas como a que, con todo dereito, decidiron apoiar os da Fundación Blanco Amor e mailos d’A Insúa dos Poetas. Menos mal se pró que serven é pra que remexamos nas nosas caixas das memorias os nomes e as xentes de nós que foron esquecidas, e mesmo silenciadas, as vaiamos recuperando de xeito que, honrado as súas obras literarias, nos vaiamos honrando todos nelas.

    02 ago 2020 / 00:20
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.