Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Madrid, burato negro

    Á vista da vitoria inapelable de Isabel Díaz Ayuso á cabeza da candidatura do PP, non está de máis facer algunhas reflexións sen máis intención que tal exercicio. Unha vitoria que, consecuentemente, supuxo as derrotas dos seus adversarios. Cómpre recoñecerlle á presidenta que recunca que a desfeita dos seus opoñentes facilitoulle as cousas.

    Comezando –e esta orde non establece prelación- por eses aprendices de bruxo que (aínda) son Ciudadanos. Un experimento político patrocinado por diversos sectores económicos a partir do seu núcleo fundacional catalán, emerxido como antídoto contra o nacionalismo. Unha forza que colleu expansión por todo o territorio español pero sen acabar de callar nun corpus de militancia que lle permitise afrontar unha carreira estable pasados uns anos. Unha vez negada a súa eventual coalición co PSOE da primeira etapa de Sánchez, ao seu presidente, Albert Rivera, subíuselle á cabeza a euforia tras eleccións de 2018 en Andalucía e autonómicas de 2019. De cara ás eleccións de novembro de 2019, quixo disputarlle ao PP a hexemonía no campo da dereita pero iso, amigos, xa era tentar ao diaño. O fracaso foi de estrépito e niso influíron tanto a foto de Colón (co PP e Vox) como o retiro dos apoios que ata entón tivera.

    Ante a situación de afogo que padecía Ciudadanos, a moción de censura, xunto co PSOE, contra o goberno de Murcia foi a escusa –factor preventivo por se se daba tamén en Madrid- para que Díaz Ayuso disolvese a Asemblea e convocase novos comicios. Esta xogada colleu co pé cambiado a socios e a oposición. Ciudadanos tivo que procurar un substituto para Ignacio Aguado, para aturar o que xa desde o primeiro momento se intuía como un fracaso, visto o continuo de desaparicións do partido en Galicia, País Vasco e Cataluña. Díaz Ayuso movía peza e anunciaba un xaque mate aos seus socios de goberno. A inutilidade de Ciudadanos quedou patente cando sufriu un desastre semellantes ao de febreiro en Cataluña.

    Pola súa banda, o PSOE –que non lembra aquela frase de José Luís Corcuera sobre que os experimentos teñen que facerse na casa e con gasosa- xa vimos que quixo probar sorte coa moción de Murcia. O risco non era ese senón querer xogar ao mesmo en Madrid cun eventual candidato que durante a xestión do andazo por Díaz Ayuso estivera máis calado ca un gato de xeso. Posto na disxuntiva de ter que encabezar de novo a candidatura socialista, Ángel Gabilondo fixo unha campaña errática, procurando primeiro o centro e rexeitando a Podemos, para despois abrirlle á man nunha especie de fronte antifascista, situada fóra de tempo e de lugar. Unha derrota sen paliativos cando se perden dez puntos porcentuais e 600.000 votos absolutos e a oposición de esquerdas pasa a estar encabezada por Más Madrid.

    E de paso, Díaz Ayuso consegue rematar a xogada forzando a retirada de Pablo Iglesias, que se presentara para salvar os mobles da súa formación. Unha retirada na cal o xa ex líder de Podemos tivo que recoñecer que xa era máis lastre ca beneficio. Porque, no fondo, tanto Podemos como a súa escisión Más Madrid, como o PP nesta rexión, son fenómenos propios da capital, dificilmente extrapolables a outras zonas de España.

    Podemos naceu como resultado do movemento dos indignados do 15-M pero co aliño dun laboratorio de ideas pensadas en certos ambientes universitarios. Cunha forte carga ideolóxica (velaí as disputas verbo da futura lei trans) e unha vontade adanista, como se a Transición fose un capricho e non a manifestación que daquela xeira non había máis cera ca que ardía. Unha visión que queimou arreo dirixentes e colectivos pero que, en troques, facilitou a supervivencia daqueles (caso de Más Madrid) que souberon baixar á area da realidade.

    E se tivese que sinalar un erro común ao conxunto da esquerda madrileña foi non decatarse dos aparentes atractivos que sempre tiveron as políticas do PP, agora concretadas por Díaz Ayuso nesa “liberdade” entendida como sinónimo de dúas cañas e unha ración de luras. Unha política que atrae a ese sector de poboación que o xornalista Antonio Maestre chamou “clases medias aspiracionais”. É dicir, eses cidadáns de orixes obreiras que non se resignan a tal condición e tentan imitar –desde os barrios populares- o modelo dos barrios ricos: escolas concertadas con uniforme, sanidade privada, etc. ¿E que cousa iguala máis aos pobres cos ricos que votar o mesmo ca estes?

    06 may 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito