Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Madrid xa non é o
que era

    “OS nosos gobernantes fixeron sempre política madrileña en Galiza e política persoal en Madrid”. Non pensen que é unha afirmación de Ana Pontón, senón de Vicente Risco no ano 1930.

    Os políticos galegos sempre pasaron a súa carreira moi preocupados de que os acusasen de “varrer para a casa”. Ánxel Urzáiz, púxolles voz proclamando que el non era deputado por Vigo, “senón deputado da nación”.

    As súas palabras lémbranme algunha declaración de membros de Unidas Podemos cando se formou o Goberno bipartito.

    Poida que, como afirma Manuel Veiga no seu libro Galicia contada aos non galeguistas, os galegos estiveran historicamente tan solicitados para os cargos públicos en Madrid “por esa rara neutralidade”.

    Ao mesmo tempo, instalouse a idea de que, para triunfar, triunfar..., había que ir a Madrid. Até a mesma Rosalía de Castro marchou e veu escaldada. E, non hai moito tempo, outro escritor, Suso de Toro, puxo un pé alá e logo teorizou como ningunean en España aos escritores galegos.

    Cando eu comezaba no xornalismo, Torcuato Luca de Tena advertiume que non me trabucase, que era moito máis importante ser redactor do ABC que “director no principal xornal de Galicia”. A idea de que se non vas a Madrid non triunfas, segue aínda presente.

    E, desde o punto de vista do recoñecemento social, se vemos como tratamos aos actores, escritores, artistas, xornalistas e, sobre todo, políticos, que traballan en Madrid, e os que faenan aquí, tiña razón.

    Pero, agora, con esta peste, comezou unha reacción de españolites que me dá moito que pensar. Teiman en acusar aos galegos de medrileñofobia, cando teríamos que falar unicamente de sentidiño.

    Poida que defender, como Abel Caballero, que está por encima o dereito “da nación española” a comer chinchos que o dos autóctonos á saúde, explique ese cambio de estima cara o madrileño, que non se pode tomar como unha descualificación persoal, senón unha reacción contra as institucións e as estruturas de dominación que nos veñen atafegando desde hai séculos.

    20 jun 2020 / 00:37
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.