Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Manuel Valls ou cando a caída pode ser aínda máis dura

    Cando un chega a un certo teito, queda coa sensación de que aínda que poida ser superable, quedar por baixo noutro intento podería amargar aquel logro acadado. Sucedeume hai uns anos cando gañei un premio de investigación convocado pola Universidade de Santiago de Compostela. Cara á convocatoria do ano seguinte estaba tentado malia o risco de non acadar outra vez a primeira posición, o que me podería deixar sensación de fracaso.

    Porén, no último intre de preparar as vacacións, carguei cos libros necesarios, un caderno e bolígrafos dabondo para tentar a tarefa, sen presión algunha por se remataba ou traballo ou non. A diferencia dos anos anteriores, que alugaramos un apartamento, volvimos ás Guilleries, zona boscosa canda o río Ter, este vez á casa duns veciños que nola deixaron a bo prezo.

    A cousa foi que naquel mes rematei o traballo a man, con tempo aínda para pasalo ao computador e envialo á universidade compostelá. E por segunda vez, gañei o premio. Pensara que non tiña nada a perder e que calquera premio axudaría nos gastos da miña futura tese.

    Pero cando a decisión de recuncar se dá nunha dimensión pública e, aínda máis, na política, o resultado -incluso se fose vitorioso- sería un fracaso unha vez tocado o ceo. E isto é o que lle ven de suceder a Manuel Valls, cuxa carreira política chegou ao cumio cando foi primeiro ministro francés entre 2014 e 2016. Nacido en Barcelona e educado en Francia -onde os seus pais xa residían-, ben mozo afiliouse ao Partido Socialista. Foi vicealcalde de Argenteuil (1989-1998) e alcalde de Evry -vilas de clases medias na contorna de París- entre 2001 e 2012. Neste período tamén foi deputado na Asemblea Nacional ata que pasou a ocupar a carteira de Interior durante a presidencia de François Hollande, quen en 2014 o nomeou primeiro ministro, cargo que exerceu ata decembro de 2016, cando se postulou para as primarias presidenciais.

    Despois de perder fronte a Benoît Hamon, a quen despois lle negou o apoio, abandonou a militancia socialista para pasar ao grupo parlamentario de LaREM, liderado por Emmanuel Macron, cargo no que cesou en 2018. Daquela trasladouse a vivir a Barcelona e manifestou a súa intención de optar á alcaldía. Rexistrou unha marca política propia, Barcelona pel Canvi, pero ante a falla de apoios, aceptou liderar a candidatura de Ciutadans, que obtivo seis concelleiros. O eixo da súa campaña era disputarlle o cargo á alcaldesa saínte e así empregou o slogan “Queres botar fóra a Colau? Vota Valls”. Sen embargo, cando os únicos capaces de acadar a alcaldía eran Ada Colau e Ernest Maragall (ERC), preferiu “sen condicións” unha activista antisistema antes que un independentista, por burgués e moderado que fose, e tres dos seus votos permitiron que a candidata de Barcelona en Comú repetise.

    Quedou desgastado polas desercións no seu grupo e pola condena do Tribunal Europeo dos Dereitos Humanos pola súa actuación coma ministro do Interior (deportou a diversas familias xitanas en situación irregular). Esta condena levou a unha reprobación aprobada por ERC, PSC, BComú e JxCat. Casado en 2019 con Susana Gallardo, da familia duns coñecidos laboratorios, comezou a pasar máis tempo en Menorca e París que en Barcelona. Finalmente, en agosto de 2021 deixou a súa acta de concelleiro.

    Autoinvitado nos actos de celebración da vitoria de Macron nas recentes presidenciais (procurou saír nas fotos), presentouse á primeira volta das lexislativas francesas pola circunscrición exterior que inclúe España, Portugal, Andorra e Mónaco, como un intento de regresar á política francesa. Malia ter o aval de Macron, fracasou estrepitosamente, superado polo candidato de esquerdas e polo deputado saínte, macronista, rebelado contra a súa marxinación pola dirección de LaREM. Despois de recoñecer a súa derrota, Valls pechou a súa conta de Twitter, tal vez un indicio de querer dedicarse a unha plácida vida privada.

    Manuel Valls pecou sempre e agora aínda máis, de arrogancia, como se tivese que agochar coa máscara de superfrancés unhas orixes foráneas. A arrogancia dos que tiveron bo berce, sen apenas empatía cos que non naceron coa súa boa estrela. E para iso non dubidou en tirar de si unha actitude autoritaria, sen saber controlar o odio e mis o resentimento. Un comportamento ambicioso e caprichoso, de neno ben, malia o revestimento de esquerda (caviar).

    Joaquim Ventura

    10 jun 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito