Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Matemos o Pelengrín

    O bispo Xelmírez “inventou” o Camiño de Santiago e, apoiándose no poder político e xeoestratéxico de Galiza, logrou popularizalo en toda Europa. Foi quen de difundir a vieira como o primeiro grande “souvenir” da historia.

    O conselleiro Portomeñe inventou o Xacobeo, pero, como a autonomía non é un reino é Galiza é dependente de España, non foi quen, en todos estes anos, de que sobrepasara os lindeiros da península, popularizándose, sobre todo, na nosa Terra, pero sen que acadase un xeito de pertenza ou orgullo entre a cidadanía.

    O Camiño de Santiago é unha marca perdurábel nos séculos. Un trinque mundial unido á marca Galiza, cunha dimensión cultural, histórica e tamén relixiosa.

    O Xacobeo só é un acto publicitario ao servizo do turismo sen dimensión global nin carga identitaria. Xacobeo é igual a consumismo. A propaganda da Xunta.

    Enxergo a moita xente contenta porque o Ano Santo vai durar dous anos. Feixóo véndeo como grande oportunidade para relanzar a economía galega.

    Mal comezamos. As estatísticas din que o Ano Santo só aumenta as viaxes dos españois e que a maioría dos que veñen a Compostela fano en viaxes organizadas: parroquias, colexios, colectivos de xubilados..., que ateigan a cidade pero que non fan gasto. No último Xacobeo, 2010, os españois supuxeron o 69% dos visitantes a Santiago.

    O modelo Xacobeo, tivo o seu ser, pero xa hai tempo que está esgotado. E máis agora coa pandemia, cando debemos repensar un turismo que nunca máis será como antes. Unha masificación pode levar ao rexeitamento da poboación local e matar a cidade de Compostela.

    Hoxe é preciso promocionar un Camiño das Ideas no que as principais bazas sexan a creatividade cultural como xeito de entender o mundo e proxectar Galiza coa súas potencialidades creativas, patrimoniais e históricas. Poñer en valor o noso talento e a nosa memoria, proxectándose no futuro. Pero iso non se acada negando a nosa identidade, comezando polo noso propio idioma.

    Matemos dunha vez o Pelengrín! Que viva a Compostela!

    16 ene 2021 / 01:01
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito