Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Memoria de 1962

    Non son moi dado ás conmemoracións pero recoñezo que as efemérides axudan a traer á memoria colectiva -especialmente verbo das novas xeracións- feitos que marcaron o noso inmediato pasado e o noso presente. Se ben sesenta anos non son un número redondo, non está de máis lembrar diversos feitos que sucederon en 1962. Naquel ano comezaban a consolidarse os cambios promovidos no seo do réxime franquista a partir dos acordos cos Estados Unidos e o concordato co Vaticano. A conxuntura internacional impuxo o Plan de Estabilización de 1957, liderado polo Opus Dei, para dar un pulo á economía española.

    Pero cando estes cambios económicos -que non políticos- comezaban a callar, a ditadura tivo que afrontar diversos desafíos. Non cabe dúbida que marcaron as dúas grandes etapas económicas da ditadura pero tamén na segunda, a contestación social cara a ela.

    O primeiro destes feitos foron as folgas mineiras en Asturias, nas que naceu o primeiro sindicato non controlado polo réxime: Comisións Obreiras. Malia ser un sector relativamente mimado desde o final da guerra civil -tanto cara a domesticalo como pola necesidade de carbón que había-, os mineiros do pozo Nicolás de Mieres presentaron de maneira pacífica unhas reivindicacións economicamente asumibles. Ao non seren aceptadas, un grupo comezou a parar e en poucas semanas a minería de Asturias estaba en folga, con extensión a outros sectores na rexión (60.000) e no conxunto de España (300.000). Tan forte foi a protesta que o propio Delegado Nacional de Sindicatos, o falanxista José Solís Ruiz, tivo que acudir a Asturias e negociar coa representación libremente elixida polos mineiros. As reivindicacións salariais foron aceptadas, os despidos foron anulados e as detencións en cadea foron trocadas por desterro.

    A solidariedade chegou de toda España e tamén desde o estranxeiro, que era o que máis preocupaba ao réxime. Este, pragmático ao cabo, non dubidou en tragarse o orgullo anticomunista e negociou con Polonia a importación de carbón para que a industria e os ferrocarrís seguisen funcionando.

    Consecuencia indirecta da folga asturiana foi a participación dunha delegación de políticos e intelectuais de diversos correntes antifranquistas (excepción dos comunistas) nun acto en Munich no mes de xuño co amparo do Congreso do Movemento Europeo. Había asistentes que estiveran nos dous bandos enfrontados na guerra civil, desde democristiáns a socialistas e nacionalistas vascos e cataláns. No manifesto final reclamábase o exercicio efectivo dos dereitos humanos (liberdade de expresión, reunión e asociación) e sindicais. A reacción do réxime foi aumentar a represión contra os asistentes cando regresaron e con desprezo, o xornal Arriba alcumou a xuntanza “contubernio de Munich”. Pero no seo do réxime houbo tamén consecuencias. Unha delas foi a substitución do ministro de Información, Gabriel Arias-Salgado, por Manuel Fraga Iribarne, que un tempo despois impulsou unha nova lei de Prensa. Outra foi a formación do Tribunal de Orde Pública o ano seguinte.

    E o terceiro reto que a ditadura franquista tivo afrontar aquel ano foron as graves inundacións que en setembro padeceu Cataluña, concretamente nas comarcas do Vallès Occidental e do Baix Llobegat. Tras catro meses de seca, unha das habituais treboadas de outono colleu unha dimensión insólita. 200 litros por M2 en tres horas que, en condicións normais, poderían seren relativamente encaixados pero a situación non o era normal. Pola falla de planificación e pola especulación, nas rieras había vivendas e instalacións fabrís. Unha situación froito da inmigración masiva e descontrolada. O balance oficial foi de 400 mortos pero que ben poderían seren 1000 e uns 200 desaparecidos.

    Teño memoria dos feitos. Para atender a desgraza, Joaquín Soler Serrano de Radio Barcelona (SER) e outras emisoras comezaron de inmediato unha campaña de axudas aos damnificados. Malia as limitacións que daquela tiñamos na miña casa (o meu pai morrera tres anos antes), coa miña nai fomos levar unhas mantas á emisor. Unha campaña que deixaba en evidencia a inacción das autoridades fronte á catástrofe.

    12 nov 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito