Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Memoria dunha loitadora

    NESTES días morría a abogada e xuíza norteamericana Ruth Bader Ginsburg, quen adicou a súa vida a loitar polos dereitos civís, especialmente polo dereito á Igualdade entre mulleres e homes. RBG, como era coñecida nos últimos tempos, nunca deixou de reivindicar a aquelas mulleres que, perdendo batallas, a precederan no seu traballo. Porque Ruth Bader sabía que a historia non pode ser construída desde o esquecemento e o silencio dos vencidos. Porque sabía –e demostraba– que non se pode avanzar sen memoria.

    O coñecemento do noso pasado contribúe a asentar a convivencia sobre bases máis firmes, protexéndonos de repetir erros anteriores. O esquecemento non é opción para unha Democracia, por iso a memoria persoal, familiar e colectiva das vítimas da Guerra Civil e da ditadura franquista, o seu recoñecemento, reparación ética e dignificación representan un inescusable deber ético que non podemos incumprir.

    Nesa liña camiñara a aprobación da chamada lei de Memoria Histórica no ano 2007, que fixo avanzar á sociedade cara a unha Democracia máis estable e consolidada. Mais o esforzo de reparación e compensación que se fixo hai case trece anos non foi suficiente.

    A día de hoxe, aínda quedan moitas cuestións pendentes, precisamente as que sacou á luz o relator especial de Nacións Unidas nun informe de agosto de 2014: a creación dun Censo de Vítimas, a dun Banco Nacional de ADN para a súa identificación ou a asunción pola administración do Estado da procura das persoas desaparecidas durante a Guerra Civil e a ditadura.

    E así, todas estas eivas resólvense no anteproxecto de lei de Memoria Democrática que se presentou estes días, así como a anulación dos xuízos e das sentenzas militares que condenaron a persoas inocentes a morte ou a cadea perpetua, sentenzas ditadas por tribunais ilexítimos e creados ad hoc para condenar, sen proba algunha e só por defender a legalidade republicana.

    “O fin da acción salvadora do exército nacional foi rescatar a España do mando dos gobernos do ‘Frente Popular’, que pretendían desmebrala e facerlle perder a súa independencia, e dar á Nación unha nova forma de acordo coas súas auténticas esencias nacionais. Fronte a esa acción salvadora opuxéronse simpatizantes do ‘Frente Popular’, que se alzaron en armas contra o exército e convertiron os pobos nunha verdadeira anarquía (...) O acusado foi concelleiro, gran propagandista marxista e suxeito moi perigoso para a orde pública, que solicitou armas e munición ao Cuartel General revolucionario de Monforte para loitar contra as forzas nacionais”.

    Semella unha broma de mal gusto, mais esta descrición tan peliculeira dos feitos probados dunha sentenza do ano 1937 (iso si, “escoitada a defensa”) provocou que se convertesen en delito de rebelión militar e, lamentablemente, a condena a morte dun home republicano, neste caso pola súa maior perversidade, actividade revolucionaria e antecedentes de conduta.

    Ante esa descrición esperpéntica e que levou, nese caso concreto, ao asasinato dun home polos seus ideais, a que sexa lembrado como unha persoa con antecedentes penais e a que non se poda honrar a súa tumba por estar desaparecido, hai xente por aí que pensa que o anteproxecto de lei de Memoria Democrática é unha “ocurrencia lexislativa” e unha “lei enxendro e sectaria”.

    Menos mal que Ruth Bader Ginsburg xa está morta e que sempre haberá persoas como ela, persoas dignas que loiten polo futuro sen esquecer a memoria e o pasado.

    03 oct 2020 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.